13/3/17

Igrexa de san Xoán de Portomarín (Lugo): a porta sur





A porta sur de san Xoán de Portomarín ten unha calidade similar á norte, en especial na riqueza dos capiteis e cimacios. (…) Mantéñense as tres arquivoltas, pero varía a ornamentación: a maior presenta follas radiais pequenas e a cabeza de cravo; a seguinte moldúrase con dous boceis separados por un festón de arquiños pinxentes, a maioría desapareceron; o do intradorso repite as folliñas con puntos trepanados; o da rosca decórase con aneis. Finalmente, a arquivolta menor vólvese labrar nunha moldura grosa que recobren follas radiais grandes reviradas sobre si. Utilízanse, pois, motivos coñecidos e incorpóranse outros novos que probablemente se deben á capacidade creativa do seu autor.



As xambas decóranse con flores e cunha cinta perlada con follas. Nos ángulos salientes tamén se realiza unha decoración insólita; así, na esquerda tállanse as pernas e os glúteos dunha persoa co corpo embutido na pedra; na dereita, unha cabeza monstruosa devora a perna e a man dunha figura humana espida.




O tímpano perfila o semicírculo cunha escocia con bólas e no centro dispóñense tres figuras maculinas. A central, con roupa litúrxica, levanta os brazos en oración e cobre a cabeza cunha mitra; a da esquerda viste túnica e viste un báculo; a da dereita, con roupa igual, suxeita coas mans un libro aberto sobre o peito. Estas dúas figuras están barbadas e viran a cabeza cara á central. 


A interpretación da escena orixinou varias opinións. Para Vázquez Saco, sería “unha visión profética do sacerdocio de Xesús Cristo” flanqueado por David e Isaías.; King cre que representan a san Nicolao e dous acólitos, interpretación que parece máis verosímil por ser a segunda advocación do templo e porque é patrón dos peregrinos, e na antiga situación da igrexa esta porta quedaba orientada ao camiño que se dirixía a Santiago. Entre os contrafortes que enmarcan a portada esténdese, coma na principal, un beirado sobre canzorros con arcos pequenos de medio punto e tabicas con motivos xeométricos similares aos canzorros do beirado da ábsida.


Ramón Yzquierdo Perrín. “A diáspora dos Mestres do obradoiro de Mateo” En Galicia. Arte. Tomo XI. Arte medieval (II) pp 139-252. Cita da pp 184-185.

Fotos de INICIARTE