9/3/17

Igrexa de san Xoán de Portomarín (Lugo): exteriores e fachada occidental


Exteriores
No exterior de san Xoán de Portomarín chama a atención a rotundidade dos volumes. O conxunto da nave é coma un xigantesco paralepípedo de muros lisos na parte alta, cunha fortísima articulación de pilastras e arcos de medio punto na baixa. Como remate, as catro torres nos extremos da nave e o pase de rolda ameado proporciónanlle un aspecto inusual de fortaleza inexpugnable.



Fachada principal


Flanquean a fachada principal dous pequenos resaltes que se resolven en torres defensivas; naquela apoia o enorme arco de descarga que alberga a portada e o rosetón, e que permite que a parte media teña dous vans grandes superpostos.

(…) A portada organízase con tres arquivoltas de medio punto esteadas noutras tantas columnas acobadadas a cada lado; as arestas que quedan entre elas moldúranse a bocel. Bases áticas e capiteis de folla con diferentes tratamentos, pero nas que son común as receitas do obradoiro de Mateo, e cimacios con follas radiais pequenas reviradas sobre si, constitúen os soportes dos tres riquísimos arcos de medio punto.

A arquivolta maior presenta unha das organización máis repetidas nas obras mateanas: bocel groso abrazado por arcos de ferradura pequenos, aínda que como romperon a maioría dos pinxentes extremos aparentan ser semicirculares. A chambrana ten unha vigorosa decoración de piñas. (…) A arquivolta seguinte ten (…) cuadrifolios grandes cun botón central que se viron en Santiago, Ourense ou Carboeiro. En Portomarín, a parte superior da rosca deste arco ornaméntase cunha sucesión de perlas. Finalmente a arquivolta menor ten (…) os vintecatro anciáns apocalípticos que tocan os instrumentos na honra do Cordeiro.


Os anciáns de Portomarín dispóñense en parellas, agás nos extremos que van de tres; desta maneira non se rompen os dúos na parte central como ocorre no Pórtico da Gloria ao tocar os dous do medio un organistrum.
















(…)As xambas da porta perfílanse con molduras, igual cós figurados ángulos salientes. Na esquerda labrouse un personaxe, quizais espido, que parece cabalgar sobre outro; as faccións do rostro esaxéranse ata rozaren o grotesco, ten o cabelo rizado e cara a atrás vence unas ás. A figura da dereita, tamén alada, viste túnica cinxida á cintura e tóucase cunha coroa. Pódese pensar que representan un demo e un anxo. Nelas apoia o tímpano que ten un semicírculo perfilado con follas radiais perladas pequenas e un entrelazado sinxelo. No centro, dentro dunha mandorla con follas coma as anteriores, encóntrase Cristo sedente, que vendí e sostén sobre o xeonllo esquerdo un libro aberto. A pesar da forte erosión que sufriu a cabeza, detrás aínda se lle ve o nimbo crucífero.



(…) Sobre a porta, limitado polos lixeiros resaltes das torres, desenvólvese un beirado cuns canzorros que representan follas de tradición mateana ou motivos xeométricos. As tabicas ornaméntanse con rosetas xeometrizadas. Os pequenos arcos de medio punto que estean nos canzorros molduran as arestas ou decóranse con billetes diminutos. A organización é típica dos artistas vinculados ao obradoiro de Mateo. (…) O rosetón ten polo exterior o mesmo tratamento ca polo interior.




Ramón Yzquierdo Perrín. “A diáspora dos Mestres do obradoiro de Mateo” En Galicia. Arte. Tomo XI. Arte medieval (II) pp 139-252. Cita da pp 181-183.

Fotos: INICIARTE