20/3/17

Igrexa de san Martiño de Mondoñedo (Lugo): cronoloxía e ábsidas


O estudo do actual edificio de san Martiño de Mondoñedo revela a existencia dalgúns fragmentos dunha construción anterior, de época prerrománica, sobre a que se levantou a igrexa románica. A obra comezou pola cabeceira, construíndose as capelas laterais e os muros extremos do cruceiro. Das ábsidas laterais, a primeira en rematarse debe de ser a sur, logo a norte e por último a maior, que presenta na metade superior un claro cambio no aparello e na decoración con respecto ás outras dúas; isto leva a súa cronoloxía ao último cuarto do século XI, mentres que os comezos serían algo anteriores, talvez cara aos inicios do episcopado de don Gonzalo, é dicir, contra 1075, aproximadamente. 


O arcaísmo desta construción e a chegada doutro mestre orixinou un cambio que tivo no remate da capela maior, na colección de capiteis do cruceiro e no antipendio a expresión máis clara; a esta mesma etapa correspondería a formulación das naves coas columnas e ventas do muro norte. O epígrafe aludido do bispo don Gonzalo no arrinque da bóveda do brazo norte do cruceiro serve para fixar a súa conclusión nos primeiros anos do século XII, nunha data próxima ao ano 1100.



A morte do bispo no ano 1112 debeu de afectar ás obras, que durante o episcopado de Munio Afonso entraron nunha nova fase. Daquela deberon labrar os capiteis occidentais dos piares do cruceiro segundo un novo código escultórico que tivo nos numerosos canzorros dos beirados norte e sur un desenvolvemento máis amplo. Tamén se variou a organización dos tramos das naves coa construción dos piares que sosteñen os arcos formeiros e que fixeron innecesarias as columnas do muro norte. Tampouco chegaron a cumprir a súa función as pilastras do muro sur. Seguramente se levantou agora a fachada principal. O traslado da capital episcopal a Valibria orixinou os últimos cambios: os arcos faixóns non se construíron e as naves cubríronse con teitume de madeira, o que permitiu a iluminación cenital da nave central grazas á maior altura. 


A igrexa que se empezou nos inicios do episcopado de don Gonzalo non se rematou, quizais,  ata o segundo cuarto do século XII, cando a arte románica de Galicia estaba a punto de coñecer unha gran difusión e seguía unas orientacións diferentes ás iniciais desta igrexa, que, igual ca santo Antoíño de Toques e san Xoán de Vilanova, tamén, se viu abandonada e substituída por una arte románica máis actual que chegaba a través do Camiño de Santiago, que daquela alcanzaba unas cotas transcendentais para o desenvolvemento da arte do século XII.


Ramón Izquierdo Perrín. San Martiño de Mondoñedo. En Galicia. Arte. Tomo X. Arte Medieval I. A Coruña, Hércules, 1993 pp.171-187. Texto da páxina 187.

Fotos: INICIARTE