30/5/16

Julio Galán. Vivenda na Praza de Lugo, 22. A Coruña


Julio Galán. Vivenda en Praza de Lugo, 22, 1910-1911. A Coruña

Dentro do Modernismo arquitectónico coruñés, ese que se caracterizou por un novo concepto unitario da fachada, a re-interpretación da tradicional galería e a integración estética de diversas profesións (arquitectura, ebanistería, traballo co vidro ou co ferro), este edificio de Julio Galán foi sempre o meu preferido. Ademais cono na primavera do 2016 rematouse coa súa rehabilitación, creo que é un bo momento para tirarlle unas fotos e escribir unas liñas.

Deseñado en 1910 sobre un solar estreito e alongado (8,50 metros na fachada e 34 metros de longo, aínda que só foron ocupados 26 pois 8 ficaron libres como patio) como é o habitual no primeiro ensanche coruñés, caracteriza a típica vivenda burguesa de inicios do pasado século. Non obstante hai que salientar que o primeiro deseño carecía de patios interiores e que a liña do ático estaba recuada con respecto á fachada. Así contaban orixinalmente de cociña e comedor, que ventilaban ao patio traseiro e que ademais estaban unidos por unha galería con baños. Debemos lembrar que orixinalmente a galería non estaba na fachada senón no parte posterior da edificación. Tiña sete dormitorios dos que cinco ventilaban a dous patios interiores e os outros dous sen ventilación ao exterior pois o facían a través senllos gabinetes. Finalmente e na fachada ubicáronse dous gabinetes e unha sa no centro, dando lugar aos tres ocos da fachada.

A planta definitiva foi estruturada a partires da escaleira interior de catro tramos e un corredor central que artella toda a distribución interior.

A fachada de tres ocos, como xa dixen, ten galería no central e balcón nos lados. A galería central percorre os tres primeiros andares, tendo o cuarto tres balcóns.

A fachada é dunha grande riqueza ornamental, con todo un grande abano de motivos decorativos tanto na madeira da galería coma no ferro dos balcóns e mesmo  os curiosos “ollos” sobre fondo vexetal do último andar. Poderíanse salientar os seguintes elementos decorativos, ademais dos “ollos”:  cenefas con motivos florais, dentículos xeometrizados, capiteis, claves, ménsulas, diferentes tipos de pilastras en cada andar, rexerías de portas e balcóns.

A galería central da fachada vai “adelgazándose” visualmente a medida que gaña altura xa que as pezas de apio van variando en cada andar.

Bibliografía:
 Fernández Cobián, Esteban, A Coruña. Guía de Arquitectura. A Coruña, COAG, 1998.

Martínez Suárez, Xosé Luis e Casabella López, Xan. Catálogo de Arquitectura. A Coruña, 1890-1940. A Coruña, COAG, 1989.