14/3/16

A fortaleza de Salvaterra do MIño


O conxunto da fortaleza de Salvaterra ocupa unha superficie de 9.700 metros cadrados, ocupados polo recinto amurallado coas súas garitas, a Casa do Conde, o Pazo de Doña Urraca e a Capela da Virxe da Oliva. Do século XII consérvanse as chamadas Covas de Dona Urraca, coa súa escaleira de caracol.


En 1949 a Fortaleza de Salvaterra é declarada Ben de Interese Cultural e en época recente o concello de Salvaterra de Miño fíxose coa propiedade do castelo e iniciou un plan de rehabilitación. A fortaleza atópase en bo estado de conservación, aberta ao acceso público como espazo cultural. Forma parte do Programa Fortrans aprobado en 2006 co obxectivo de recuperación e revalorización das fortalezas fronterizas en ambas marxes do río Miño.



O benquerido amigo Moncho Boga escribiu o seguinte sobre as orixes desta fortaleza ao tempo que nos resume a súa historia na Idade Moderna:

parecioles mui forte con buenas cercas, con sus torres, y en circo y barreiras y ponte levadiza vieron que no la podían combatir, porque estaban dentro buenos setenta homes bien armados con muchos otros…” Vasco da Ponte

Atópase en Salvaterra, nas ribeiras do Miño, fronte a Portugal, e constituía una das cinco fortalezas do primeiro tramo defensivo co país veciño. Os poucos restos medievais mestúranse cos dun Castelo abalaustrado do século XVI, cando se producen novas necesidades para a defensa.

A historia do Castelo está vencellada á do condado de Salvaterra, sendo a orixe froito do señorío que o rei de Galicia Vermudo II lle concedeu á igrexa compostelá. No século IX fórmase a vila gracias a Afonso IX, que lle concedeu foro de reguengo para que se puidera defender dos abusos feudais. Sendo condado da familia dos Sarmiento, que enlazaron por casamento cos Soutomaior, Pedro Madruga, conde de Camiña, prendeu no Castelo de Salvaterra a García Sarmiento e a Fernán de Camba, ata que foron liberados polas mesnadas do conde de Monterrei e as do arcebispo Fonseca, logo dunha sanguenta batalla. O troco da praza forte pola liberdade dos dous nobres, deu lugar a una cantiga popular que aínda hoxe se recorda: 
“Salvaterra, Salvaterra,
onde estiven en prisións, 
non te chamen Salvaterra, 
que te chamen salvahomes”.

No século XV acúñase o nome de Salvaterra e Filipe III, no século XVII, concedeulle a Diego Sarmiento de Soutomaior o título de conde de Salvaterra. Seguramente este feito foi o detonante para que os portugueses conquistaran a vila, unindo Salvaterra con Monçao por medio dunha ponte. A reacción española non se fixo esperar: a operación de reconquista levada a cabo por Rodrigo Pimentel que, entrado en Portugal, obriga a se render ao portugués Almeyda, liberando a vila de Salvaterra no ano 1699. No Castelo de Salvaterra sitúa Calderón de la Barca a acción da súa obra Luis Pérez, el Gallego.


No rueiro da vila ou do Castelo aínda se poden ollar algún restos da fortaleza, que posuía boas cercas e torres, encinto e barreira, coa súa ponte levadiza. Hai algún restos da muralla, portas de arco apuntado e garitóns, as ruínas da casa do gobernador, alxubes e cabalerizas…, así como o soto abovedado, ao que se accede por escaleiras de caracol, coñecido co nome de “covas de dona Urraca”.

Segundo a información facilitada polo Concello de Salvaterra as actuais murallas son do século XVII.  O enxeñeiro francés autor das obras de fortificación de Salvaterra é, con toda seguridade, o enxeñeiro maior Carlos de Lessar, que se atopaba traballando na fronteira da raia seca, na provincia portuguesa de Tras os Montes.

Para a construcción das murallas modernas utilizouse a pedra do convento franciscano que había preto de Salvaterra. Este enxeñeiro é tamén o autor das amplas estancias abovedadas coñecidas como as covas de Dona Urraca, e que teñen a particularidade de estar comunicadas a través dunha escaleira dun só eixo, única no pais.

Nos recentes traballos levados a cabo polo Concello en base ó plan director do Castelo de Salvaterra de Miño para a recuperación e posta en valor da fortaleza de Salvaterra, unha empresa realizou os traballos e catas arqueológicas, ademáis de recabar datos sobre a antiga fortaleza: traballouse na rampa de acceso ao castelo, e os datos iniciais sobre a o recinto amurallado confirmáronse ó aparecer restos da antiga muralla que circundaba a fortaleza e que, nesa zona, foi destruída en parte para abrir unha porta pequena que facilitase o acceso ás carruaxes de cabalos a finais do século XIX.

Os arqueólogos tamén poideron constatar no lenzo da muralla o sistema constructivo e a existencia de troneiras para os cañóns. Localizouse tamén a base dun dos asentamentos dos cañóns que defendían a fortaleza, feito en sillería de granito, e documentouse por vez primeira a existencia dun foxo que rodeaba a muralla en torno a actual rúa Marqués de Viana.

Na praza do Castelo, o pé do cruceiro, apareceron restos dun antigo cemiterio, ademáis de solos e lenzos de muros da antiga fortaleza.

Igrexa de San Lourenzo 
             
Nun principio foi capela do recinto amurallado, pasando moi pronto a desempeñar funcións de igrexa parroquial de Salvaterra. Construída no século XIII foi ampliada tres séculos máis tarde. A súa fachada é moi sinxela, de estilo renacentista. No seu altar maior destaca a talla do Santísimo Cristo da Victoria, datado do ano 1733.

Hai pouco tempo presentouse unha tese de doutoramento sobre as defensas nas beiras do Miño, así como a web Fortalezas.

Referencias documentais:
Ramón Boga. Guía dos Castelos medievais de Galicia. Vigo, Xerais, 2003, pp-264-265