3/12/15

Catedral de Tui: cruceiro


“Despois da cabeceira faríase o transepto, sen as absidiñas de Santiago, e posteriormente concluiríanse os muros laterais ata os pés. O cruceiro ten só tres tramos a cada lado; o primeiro, no que se cruzan as naves laterais do brazo maior da cruz coas do cruceiro, é de planta cadrada e os outros dous rectangulares. É, pois, o único de Galicia, agás o da catedral compostelá, con tres naves, que se separan mediante piares compostos de sección cruciforme coma os de Santiago. 



As columnas encaixadas sobre bases áticas, ás veces sen escocia e outras con motivos diversos, rematan en capiteis con decoración variada, abundando os vexetais con tratamentos e tipos de follas diferentes; outros son zoomórficos con leóns, bóvidos, grifóns e aves enfrontadas que peteiran nun cáliz central; nalgúns aparecen figuras ou cabezas humanas que por veces se superpoñen á follaxe e outras veces forman escenas diversas, como o que parece conter unha anunciación, unha visitación e un berce co Neno (peza tan excepcional  cre Bango que ten “moito aire gotizante”); por último, tampouco faltan os capiteis con trenzados complexos.


Os capiteis desta fase non se limitan aos piares do cruceiro senón que se estenden ás columnas pegadas aos muros das naves laterais. Nestes predominan os de temática vexetal, aínda que no último da nave sur vemos leóns.

Os arcos formeiros do cruceiro e os de acceso ás capelas da cabeceira son de medio punto, dobrados, peraltados e de sección prismática, polo que volven evoca os da catedral de Santiago; parecidos son os dunha soa rosca que separan os tramos das naves laterais, cubertas por bóvedas de arestas. Nos muros do cruceiro vense aínda algunhas ventás románicas sobre unha imposta de tacos e máis arriba outra imposta lisa une os cimacios".


Ramón Yzquierdo  Perrín. Galicia. Arte. A Coruña, Hércules, 1993, Tomo X. pp 243-243