14/11/15

Frontal do altar de san Quirce de Durro (Lleida)


98 x 129,3 x 6,5 cm
Adquisición da "Junta de Museus" na campaña de 1919-1923
Num. de catálogo: 015809-000
Procede da ermita de Sant Quirc de Durro (La Vall de Boí, Alta Ribagorça).
Temple sobre táboa

Na última visita que fixen ao Museo Nacional de Arte de Catalunya tiven tempo para gozar desta peza.

Lembremos as características básica da pintura románica naPenínsula Ibérica:

Caracterízase a pintura románica polo escaso estudo da natureza que revelan as súas figuras, pola seriedade e uniformidade dos rostros na forma humana, pola simétrica pregadura dos panos, polas violentas actitudes que se dan aos personaxes ao representar unha escena e o ríxido hieratismo cando as figuras non han de expresar accións, polos seus contornos demasiado firmes ou acentuados e, en fin, pola falta de perspectiva que ofrece a composición en conxunto. Polo tanto non se rexe por imitación da natureza senón por unha conceptualización racional. Isto fai que as figuras sexan planas, alargadas e sen perspectiva. Os personaxes  escalónanse  e adoptan diferentes tamaños en función da súa relevancia. Os ollos e mans adquiren desproporcionada dimensión pois son as partes da anatomía humana máis expresivas espiritualmente falando.

As cores empregadas son intensas e brillantes (vermello, amarelo, laranxa e azul) e dispóñense en franxas contiguas de cores moi contrastadas entre si. A cor negra servía para perfilar as figuras.

A pintura románica sobre táboa desenvolveuse especialmente en Cataluña. Decoraba principalmente frontais de altares e pequenos retablos. A diferenza da pintura mural ao fresco, utilizábase a técnica do temple. Todo o referente á pintura mural é válido para a pintura en táboa no referente á iconografía (claramente relixiosa) e a estética que segue baseándose no hieratismo simbólico románico. A gama de cores é a mesma así como a súa figuración.



Sobre a pintura románica catalá sobre táboa podemos afirmar que durante o século XII comezou unha nova etapa de evolución da pintura románica catalá apoiada e favorecida polo poder dos condes e a organización da Igrexa. Xurdiron unha serie de artistas pintores establecidos en talleres sen a necesidade de facer un traballo itinerante. As obras que saíron deses obradoiros foron esencialmente, frontais de altar (chamados tamén antipendios) realizados sobre táboa. Os temas iconográficos son escenas narrativas sobre a Biblia e vida de santos. Non se coñecen datas polo que o seu estudo desenvolveuse de acordo coas fórmulas estilísticas e o lugar e circunstancias onde sexan atopadas estas obras, que por outra banda constitúen un material abundante. As pinturas sobre táboa atopadas na rexión histórica de Cataluña Vella representan unha obra excepcional da época medieval en Europa. Moitas se conservan no MNAC.

Esta táboa está adicada aos santos Xuliña e Quirce. Que é o que representa?

Tomando como base a información facilitada pola Wikipedia, os santos Xuliña ou Xulieta e o seu fillo Quirico, tamén coñecido como Quirce, eran cristiáns naturais de Licaonia (Asia Menor) que emigraron a Tarso fuxindo da persecución decretada polo emperador Diocleciano. A tradición cristiá relata que no ano 303 foron detidos polo gobernador Domiciano, e que o pequeno Quirce morreu por declarar a súa fe, durante o martirio da súa nai, asasinado con brutalidade polo propio xuíz que vixiaba o cumprimento da sentenza. Ambos cadáveres foron arroxados a unha fosa común, de onde uns cristiáns, segundo a tradición, sacáronos para darlles sepultura.

O culto dos santos Quirico e Xuliña difundiuse rapidamente en Oriente, venerándose de especial modo en Antioquia onde se conservaban as súas reliquias. En Europa occidental o encargado de difundir a súa devoción foi o bispo Amador de Auxerre cara a finais do século IV e inicios do V, quen se supón trasladou as súas reliquias desde Antioquía ata Marsella.

Durante a Idade Media tivo a súa gran difusión por España e por Italia. O papa Vixilio (537-555) erixiu unha igrexa a nome dos mártires en Roma á altura dos foros. Hoxe é título cardinalicio.

Quirico e Xuliña son considerados avogados dos pobres, dos serradores e dos nenos.

Son varias as localidades en España que veneran a Xuliña e Quirico. A localidade catalá de San Quirze (ou Quirico) do Vallés toma o seu nome da abadía consagrada en 1050 polo bispo de Barcelona. En Durro (LLeida) hai unha igrexa románica dedicada aos santos; nela figuraban unhas pinturas do século XII alusivas ao martirio e foron levadas, pola súa calidade, ao Museo de Arte de Cataluña, en Barcelona.

Seguindo ao sempre admirado Juan Diego Caballero, esta táboa é de autor descoñecido, aínda que probablemente do obradoiro da Seo de Urgell, e de mediados do século XII. Narra o martirio desta nai e do seu fillo case a xeito dun cómic actual:  dentro dun marco repetitivo atópase no centro, cal améndoa mística, a Xuliña e a Quirce no seu colo, para, nos lados e situados de dous a dous, amosar catro escenas do martirio, que de abaixo a arriba e de esquerda a dereita son as seguintes:



O mergullamento nun caldeiro de aceite fervendo da nai e do fillo coa “axuda de dúas persoas que tratan de afundirlle as cabezas en composición moi simétrica.


Aserramento do fillo tamén por dúas persoas mais nesta ocasión de menor tamaño co santo.



Coiteladas varias ao fillo. Especialmente curiosos son os canons corporais aplicados así como as disposicións dos pés.



Finalmente, martilleo de cravos na testa do santo por dúas persoas que, coma nos casos anteriores van vestidas con túnicas vermellas. Volve ser curioso o tamaño das testas e as posición dos pés.

Fotos de Iniciarte.