20/11/15

Catedral de Tui: introdución

Nas seguintes entradas no blog presentareivos a catedral de Tui. Para presentárvola emprego un texto de Cameselle e Iglesias (2004)


“A actual catedral tudense, erixida sobre o solar da primitiva Sueva, é obra dos séculos XII e XIII correspondendo aos estilos románico e gótico. Ten planta de cruz latina de tres naves, circulando as laterais polo transepto, único exempro coa catedral de Santiago de Compostela das catedrais españolas.

Destaca a súa peculiar característica de aspecto de fortaleza medieval resaltada polas súas almeadas torres e paseos de rolda, consecuencia da necesidade defensiva de pasados tempos.

A finais do século XV sofre a súa primeira transformación ao seren reconstruídos as ábsidas ou capelas das súas cabeceira, logo, en épocas posteriores, fóronselle engadindo varias capelas correspondentes aos estilos góticos, renacentista e barroco.

Entre os anos 1950 e 1960 realizáronse importantes obras de restauración e consolidación por parte do Patrimonio Nacional. Trasladouse o coro da nave maior ao presbiterio, dando unha nova visión de conxunto á mesma. Restituíronse as primitivas cubertas de pedra e restaurouse o lado norte do triforio recuperando unha serie de capiteis e decoracións románicas. Finalmente no claustro foron suprimidas modernas estruturas correspondentes ao Pazo Episcopal, restituíndo o orixinal estilo que tiña na época medieval”.

Cameselle Bastos, D. e Iglesias Almeida, E. La catedral de Tui. León, Edilesa, 2004, pp. 2-5.

Pola súa banda  Yzquierdo Perrín (1993) afirma sobre a cronoloxía do templo catedralicio:

"Para o profesor Bango, a catedral de Tui iniciouse sen dúbida, antes do ano 1145 e aprécianse claros cambios no triforio e nas tribunas, que no brazo norte do cruceiro chegaron a cubrirse, en parte, con bóvedas de canón, sobre as que irían torres das que só quedan indicios, xa que, polo cambio de proxecto, non se chegaron a construír, agás a setentrional, que se remataría xa a comezos do século XIII, afectándolle os cambios. A segunda fase debeu empezar pois, cara a 1180, cunha orientación gótica, que, arredor do 1200, se deixa sentir no triforio das naves laterais. As obras continuaron ata a consagración que o bispo don Estebo Exea efectuou en 1224 ou 1225".


Ramón Yzquierdo  Perrín. Galicia. Arte. A Coruña, Hércules, 1993, Tomo X. pp. 247.