8/10/15

Auriga de Delfos


A estatua de bronce do Auriga é a peza máis importante do Museo de Delfos. Procede dun carro de grandes dimensións, ofrenda de Polízelos pola súa vitoria na carreira de carros durante os Xogos Píticos do 474 a.C. De acordo coa opinión máis estendida, sobre o carro estaría tamén a estatua de Polízelos que se perdeu. O Auriga quedou sepultado na terra tralo terremoto do 373 a.C. e foi descuberto en 1896 na zona do muro de contención.

É unha obra impresionante que pertence ao estilo severo de principios do s. V a.C. O escultor do Auriga, segundo certa opinión Pitágoras de Samos- conseguiu dar alento á súa creación e ao mesmo tempo unha interioridade á súa expresión e movemento.

O condutor do carro vencedor, vestido co longo quitón de competición e coroado por unha cinta, expresa contenidamente o seu triunfo a través da súa mirada fixa, chea de convinción.

Os pés están cravados sobre o carro, tal e como o require a concentración na carreira, e o tronco firme, cunha lixeira inclinación que suxire o movemento, mentres que nos brazos, que levan as rendas dos cabalos, as venas están inchadas pola tensión do momento.

O globo dos ollos é de esmalte e os beizos de láminas avermelladas de bronce.

O Auriga é unha das escasas estatuas de bronce orixinais da época clásica que se conservaron ata os nosos días e proporciónanos unha imaxe certa da calidade das ofrendas nos antigos santuarios gregos.

Texto procedente de : Delfos. O sitio arqueológico e o museo. Atenas, Xaitali. 2008

Da Wikipedia podemos engadir o seguinte:

A figura formaba parte dun grupo máis amplo, do que só quedan fragmentos de catro ou seis cabalos e un pequeno escravo que se situaría ante eles. De tamaño natural, a figura ten unha altura de 1,80 metros. O grupo estaría formado seguramente polo auriga que sostén as rendas da cuadriga, os catro ou seis animais, un guerreiro detrás del, ademais dun mozo de cuadra. A escultura está fundida en varias pezas separadas e soldadas posteriormente, tal e como era costume en representacións que incluían un número importante de figuras.


O rostro (…) mantén un xesto sereno no que desapareceu o sorriso (propio tamén do periodo arcaico), para dar paso a unha expresión centrada, que destaca nunhas faccións xeometrizadas, pero cunha forte "carnosidade" nos elementos propios do rostro.

Fotos: Iniciarte