28/9/15

O Tholos no santuario de Atenea Pronaia en Delfos


O santuario de Atenea Pronaia é o primeiro que se atopa o visitante que chega desde Arahova a Delfos. O epíteto Pronaia (“ante o templo”) relaciónase coa posición do santuario, inmediatamente anterior ao templo de Apolo. Segundo outra versión, débese a unha corrupción do epíteto Pronoia (”revisora”), que se outorgaba a Atenea.

No santuario de Atenea localizáronse os vestixios máis antigos no espazo de Delfos. Desde época micénica debeu recibir culto unha divindade feminina, segundo despréndese das numerosas estatuíñas de barro que se atoparon no estrato micénico da escavación. Esta divindade foi reemprazada despois pola deusa Atenea que, segundo a tradición, naceu da cabeza de Zeus. As actividades de Atenea sitúanse no campo da sabedoría, a inventiva e a habilidade. É a deusa que ensinou aos homes as artes da guerra, pero tamén os labores pacíficos da vida cotiá. Dela aprenderon a mulleres a tecer e coser, e os homes a arte da cerámica, a ferrería, o arado e a doma do cabalo. Neste marco é reverenciada como Atenea Ergane (protectora das artes). En Delfos era coñecida tamén co epíteto Zoteria, que procede do sentido zone (cinto). Este apelativo remite ben á dimensión guerreira de Atenea, ben á súa relación coa fertilidade e o parto.

O uso relixioso do lugar foi interrompido desde a época prehistórica, e xunto a Atenea recibiron culto outras divindades como Zeus, Ártemis, a deusa do parto Elithyia, e Hygeia (a Saúde). Separadamente dos altares das divindades mencionadas e os templos de Atenea, no santuario descubríronse os restos de edificios rectangulares, tesouros e un edificio circular, o Tholos.

Os edificios do santuario de Atenea foron construídos sobre un terreo aplanado duns 40 x 25 metros, rodeado dun recinto con accesos en varios puntos. O lado norte do recinto tiña ademais función de apoio.

Ao oeste dos tesouros de construíuse ao redor do 400-390 a.C. un edificio circular, o tholos. Segundo os datos do escritor romano Vitrubio, o seu arquitecto foi Teodoro de Focea, en Asia Menor. O tholos de Delfos, xunto co de Epidauro, constitúe unha espléndida expresión da arquitectura grega antiga. O uso dos edificios circulares non se concretou ata hoxe,  pero segundo certa opinión daríase culto neles a heroes locais. O tholos do santuario de Atenea é de orde dórica e foi construído en mármore pentélico e pedra negra de Eleusis. Dispoñía dunha cella circular, en cuxas paredes apoiaban dez columnas corintias. No exterior da cella había vinte columnas dóricas colocadas en círculo sobre unha plataforma de tres graos. O teito do edificio era cónico, con tellas de mármore e un remate central coa figura de Nike (Vitoria).

O friso do perímetro de columnas exterior estaba decorado con métopas en relevo que representaban escenas da mítica batalla das Amazonas e a Centauromaquia. Representacións escultóricas de fazañas de heroes e da asemblea dos deuses había tamén no friso da cella. Fragmentos da decoración do tholos exhíbense hoxe no Museo de Delfos.

Texto procedente de Delfos. El sitio arqueológico y el museo. Atenas, Xaitali, 2008.

Fotos de Iniciarte.