23/3/15

Igrexa castrense de santo André na Coruña


Situada no barrio da Peixería da Coruña, na rúa de santo André, foi deseñada por Faustino Domínguez Coumes-Gay en 1890. As obras foron financiadas por Eusebio da Garda despois  de que o concello, en 1885, aprobara o “proxecto de aliñación e ensanche do Pórtico de santo André e vías afluentes”. A idea do mecenas era reformar a igrexa preexistente e ter un lugar onde ser  soterrado coa súa dona, Modesta Goicouría. Mais foi especialmente complexo determinar a propiedade do solar e da edificación pois a anterior igrexa do século XIII  ubicada no  lugar (a súa portada pódese ver nas murallas do xardín de san Carlos) pertencía ao Gremio de Mareantes. Inicialmente chegárase a un convenio con Eusebio da Garda mais ao querer facer este un templo maior e o ficar sen entidade xurídica a confraría, o arcebispado de Santiago reclamaría a súa titularidade. Desde 1937 é capela castrense.

O edificio é exento nunha zona moi edificada que ata certo punto restoulle importancia debido ás alturas das edificacións posteriores situadas nas súas inmediacións. O deseño continua a corrente historicista para edificios de carácter público tan de moda na Coruña a finais do século XIX e principios do seguinte.

O arquitecto fai uso de elementos e criterios compositivos neorrománicos. Poderíamos pensar que serían continuación destes criterios o Pazo de Xustiza (Xulio Galán e Ricardo Boán, 1908) ou o Banco de España (José Astiz, 192). E que dicir da torre neogótica da desaparecida igrexa dos xesuítas?

O templo é dunha soa nave de cinco tramos cubertos con bóveda de cruzaría. Ten nártice e unha pequena ábsida semicircular con bóveda de treceltes.

Tras a entrada principal, sitúase o baptisterio e as escaleiras que soben á torre, única e ubicada sobre o centro da fachada. Precisamente a fachada ten dúas alturas, estando no baixo o pórtico de acceso con arquivoltas decoradas con motivos xeométricos enmarcadas nun pequeno gablete. A cada lado hai  unha pequena xanela de clara inspiración románica. No segundo andar desta fachada aprécianse tres rúas para organizar o espazo. Tendo a central unha dobre xanela xeminada cun óculo na enxoita, esquema que se repite nos lados pero a menor altura. Son de salientar os chapiteis cónicos e piramidais que remarcan a cuberta.

As liñas de imposta e a sucesión de arquiños lombardos fan pensar nun neorrománico de inspiración lombarda que podería ter os seus referentes na basílica (espantosa?) de Covadonga. O presbiterio forma un templete exento.

Bibliografía:
-Martínez Suárez e Casabella López. Catálogo arquitectura. A Coruña 18990-1940. COAG, 1989

-Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. COAG, 1998.
Fotos: INICIARTE.