15/12/14

Igrexa de san Francisco de Betanzos (A Coruña)


É un templo gótico pertencente ao mosteiro fundado en 1219 pero reedificado  dende 1387 por orde de Fernán Pérez de Andrade, O Boo que desexou ser soterrado alí. En 1919 foi declarado Monumento Nacional e despois Ben de Interese Cultural. O  mosteiro franciscano desapareceu coas desamortizacións decimonónicas, especialmente o seu claustro gótico. Chegou ter 47 monxes mendicantes. Trala desamortización de 1835, o mosteiro quedou abandonado e boa parte das súas instalacións, como a sala capitular ou o claustro, desapareceron en 1880.

Os monxes volveron ocupar o templo e o que quedaba do mosteiro en 1914, inaugurando a nova residencia en 1919, pero foi queimada o 22 de  xullo de 1936. Tamén nese día foi queimado un retablo atribuído a Ferreiro. Na actualidade e no muro sur hai outra residencia.

Fachada e Exterior
A porta principal é apuntada con arquivoltas decoradas con motivos vexetais e xeométricos. Hai unha Adoración dos Reis no tímpano e a recepción por parte de san Francisco  dos estigmas do monte Alverna. Nas xambas, tres pares de columnas con capiteis animados. Pódense ver algúns signos gremiais dos canteiros nos laterais. No lateral da entrada hai unha Anunciación.

No lintel pódese unha abreviatura de Martiño, probable autor  do traballo escultórico da fachada o do nome do mestre canteiro.

Tamén ten unha porta lateral sen tímpano cunha moldura en zigzag.As arquivoltas son sostidas  por dous pares de columnas acodilladas con capiteis  de motivos vexetais. A cada lado da porta hai unha Anunciación, sobre ménsulas, e ao outra un san Gabriel con hábito franciscano.

O exterior do templo, que nalgún momento tivo pinturas, presenta volumes escalonados en altura. A parte máis alta é a correspondente ao remate do cruceiro, con tres xanelas, dúas delas góticas. O exterior da ábsida ten contrafortes escalonados e decorados con escudos do Andrade e con animais. A salientar a variedade e calidade dos canzorros.

Nos seus muros son salientables os contrafortes para soster a fábrica. No cumio do tellado dun dos brazos da igrexa, unha cruz sostida por un xabaril.

Interior
A igrexa é de planta latina cunha soa nave e unha ábsida central poligonal con bóveda nervada, franqueada por dúas capelas laterais rectangulares. Nas paredes da ábsida central, como nas dos laterais, hai fantásticos sepulcros da liñaxe dos Andrade. Sobre a ábsida central, no arco triunfal, pódense contemplar relevos que representan a un anxo pesando a alma de Fernan Pérez de Andrade. Ao seu carón está san Miguel, de maior tamaño e un demos con outras figuras. O contido desta escena é o semellante ao dos capitel dereito da fachada da igrexa de Santa María de Cambre.

Cinco longos ventanais iluminan a ábsida, ademais do rosetón. As xanela, tanto ao interior como ao exterior, cobíllanse con chambranas.

No arco triunfal, ademais da decoración de cabezas de clavo, botón florais, etc., que se aprecian por todo o templo, hai anxos trompeteiros.

Aos extremos do cruceiro abríronse dúas capelas que se ben non estaban no deseño orixinal, si son coetáneas co resto do templo.

No seu interior, na capela maior, hai un relevo que representa a Deus en maxestade rodeado dos catro evanxelistas. Nos nervios da bóveda, anxos tocando distintos instrumentos, e entre eles un tocando a gaita. Tamén se poden observar diversos capiteis con animais fantásticos pero sobre todo destaca a ampla colección de sartegos de diferentes membros da familia dos Andrade, ata un total de 16, que constitúen o elemento histórico artístico máis interesante do templo.

No brazo maior, xunto ao cruceiro, ábrense dúas capelas, unha do século XV, con bóveda estrelada de cinco claves, con arco de ingreso apuntado, cun par de sepulcros. Fronte a esta capela hai outra con frontón e medallóns renacentistas, do século XVI, con bóveda estrelada de cinco claves que apoia en ménsulas unidas por unha imposta.

A única nave ten cuberta de madeira a dúas augas. Ao fondo hai unha tribuna sobre arcos rebaixados que se proxectan sobre columnas de curtos fustes, de comezos do XVI e con capiteis de gusto románico.

Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade

O máis interesante é o do propio Fernán Pérez, considerado como precedente da escultura funeraria medieval. Orixinalmente estivo colocado na capela maior, xunto ó da súa dona Sancha, pero en 1782 foi trasladado ó pé da igrexa, baixo o coro.

O sartego está levantado do chan sobre os animais representativos dos Andrade: un oso e un xabaril, a modo de basas. Á cabeceira e no pé, o escudo de armas dos Andrade, e, nos laterais, diversas escenas de caza do xabaril.

Sobre o sartego, a lauda representa a figura xacente do cabaleiro, vestido de armadura e en posición de repouso. O busto descansa sobre dous coxíns e os pés sobre dos cans  caza que agochan baixo eles outros dous cans; aínda hai outros tres cans, dous no costado dereito da figura e un no esquerdo. Catro anxos axeonllados velan o cadáver, un sostendo un incensario e os tres restantes lendo libros de salmos. A man dereita de Fernán repousa sobre o corazón e a esquerda sostén a empuñadura da espada, que mostra no seu pomo o risco de Salomón, símbolo máxico e protector.

Os catro lados do sartego están percorridos pola seguinte inscrición:

Aquí jaz Fernan Perez Dandrade cavaleiro que fezo este moesteiro anno do nascemento do Noso Sennor Ihesuxristo de mil e CCC et oyteenta et sete anos.

Nótese que a data desta inscrición alude á do remate da reconstrución da igrexa, xa que o Señor de Andrade non morreu ata agosto de 1397.

Sobre o peito da figura consta unha segunda inscrición que identifica o cabaleiro: "Fernan Pz Dandrade".

Fontes documentais:
“Betanzos” na Gran Enciclopedia Galega”, T-3.

Ponce Couce e Sánchez García. Galicia. Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros, Vía Láctea, 1998.
Fotos: INICIARTE