22/9/14

Monte do Castro, Ribadumia (Pontevedra)

Hai algún tempo puden visitar o xacemento castrexo de Monte do Castro en Ribadumia (Pontevedra). De toda a información que atopei na rede a mellor, máis completa e prudente á pousadas.depo.es. É a que copio a continuación despois de traducila.

Durante os meses de febreiro a marzo do ano 2011 un equipo de técnicos da Deputación de Pontevedra e do Lapa-CSIC levou a cabo unha intervención arqueolóxica no xacemento do Monte do Castro. (…)

A intervención dividiuse en dúas fases diferenciadas. En primeiro lugar, unha escavación arqueolóxica para descubrir e valorar as posibles estruturas existentes. En segundo lugar, procedeuse a consolidar e restaurar os restos existentes.


Escavación arqueolóxica

Os obxectivos que se buscaban ao suscitar a escavación foron os seguintes:



En primeiro lugar, ampliar a caracterización do xacemento en términos arqueolóxicos, definindo o seu grado e intensidade de ocupación, a súa profundidade temporal, a complexidade estratigráfica e a cantidade e variedade de cultura material que o caracteriza.

Dado que o castro estaba afectado por actividades extractivas, outro dos obxectivos era concretar o estado de conservación das diferentes zonas do xacemento e definir as áreas máis apropiadas para concentrar esforzos e rexeitar as que estaban máis alteradas. Paralelamente, buscábase dispoñer de datos suficientes para definir diferentes áreas de escavación futuras, así como a secuencia na cal debíanse executar.

Os resultados da intervención foron sorprendentes ao documentar tres sectores perfectamente diferenciados que detallamos a continuación.

Sector Norte
Sector habitacional, no que se escavaron na súa totalidade dúas cabanas, unha de planta circular e a outra de planta ovalada (aínda que se identificaron tres novas cabanas que non foron escavadas).
Na cabana circular, coa súa entrada ao E, identificáronse os restos dun pavimento de xabre, un buraco de poste con calzos, unha lareira construída con pedras e placas de arsila e unha pedra afincada que puido ser utilizada como afiador.

Os materiais recuperados permítennos datar o momento de ocupación desta cabana entre os séculos II a. C. e I d. C.

Na cabana ovalada, do mesmo xeito que na circular, tamén se identificaron os restos dun pavimento de xabre, un buraco de poste e unha lareira construída con placas de arsila e pedras delimitándola.

Do mesmo xeito que na cabana anterior os materiais remítennos aos séculos II a. C.-I d. C.

Sector Central
Sector artesanal. É a zona da escavación na que se identificou claramente a superposición de estruturas.

Nun primeiro momento escavouse unha cabana en pedra de planta máis ou menos circular cun alpendre encostado (construído cun zócalo de pedra e adobe). Nel recuperamos varios fragmentos de cerámica a medio moldear polo que é posible que este espazo utilizouse como taller cerámico.

Sobre a cabana anterior construíuse unha nova cabana, de planta ovalada, de menores dimensións e cunha funcionalidade diferente, posiblemente relacionada con actividades metalúrxicas. En relación con isto, recuperáronse unhas bágoas de bronce e dúas pezas dun molde de fundición, que parecen apoiar a interpretación funcional desta estrutura.

Os materiais cerámicos recuperados no interior remítennos aos séculos II a. C. e I d. C. Destaca a localización dun fragmento dunha sítula, caldero de bronce que se utilizaba en cerimonias rituais.

Sector Sur
Sector multifuncional. A diferenza dos outros sectores, nos que nos atopamos ante unhas cabanas de formas redondas/ovaladas, estamos nun espazo máis amplo, definido por unhas estruturas de muros rectilíneos, de grandes dimensións, que se articulan a partir dunha escaleira de pedra.

Ademais, trátase dun espazo que foi modificado/reorganizado en numerosas ocasións, cambiando notablemente a súa aparencia, no que se identifican dous momentos diferentes.

Os materiais cerámicos atopados son, na súa maioría, cerámicas de almacenaxe, tanto da época castreña como ánforas romanas.

Ademais da cerámica recuperamos numerosos fragmentos de muíños circulares (algúns deles reutilizados nos muros) e de muíños de man. Destacan unha peza lítica decorada e unha amarradoira ou cola de cabalo, que estaría incrustada nos muros e serviría para amarrar o gando.

Coa información que nos proporcionan os restos materiais, podemos interpretar este espazo como unha zona multifuncional, que sería utilizada como almacén, celeiro e establo, no que se desenvolveron diferentes tarefas da vida cotiá (moenda, coidado de animais?).

Restauración
Como obxectivo principal desta fase establecéronse as medidas de protección física dos restos arqueolóxicos escavados. A prioridade foi garantir a conservación das estruturas arqueolóxicas; para isto deseñamos diferentes solucións coherentes co seu estado de conservación e coa información recolleita durante a escavación.

Así, esta fase presentou diferentes niveis de intervención na zona escavada, desde o  tapado provisional dos restos que foron parcialmente escavados ou que presentaban problemas de estabilidade na súa exposición á intemperie ata a consolidación dalgunhas das construcións escavadas.

Unha vez terminada a fase de excavación doxacemento realizouse a diagnose do estado de conservación das estruturas recuperadas para avaliar o seu estado e concretar o proxecto de conservación e a posta en valor.



Tapado

O tapado das estruturas ten un carácter provisional de protección e realizouse cubrindo a superficie escavada cun material xeotextil que actuaba como membrana e, sobre el, un reencho de grava e area que funcionaba como protección física das estruturas e contribuía ao drenaxe natural do terreo, evitando modificar as condicións hidrolóxicas e a acumulación de auga en determinados puntos, que podía resultar nociva para a estabilidade das estruturas.



Limpeza
A limpeza das estruturas realizouse empregando brochas e cepillos para eliminar a terra acumulada tanto nas xuntas como no interior dos muros. Utilizouse igualmente, e de forma controlada, un aspirador industrial para eliminar a terra depositada nos lugares menos accesibles.

Drenaxes
Para facilitar a drenaxe no interior das estruturas instalouse unha tubería de drenaxe enterrada co fin de evitar a formación de cárcavas e a perda de compactación dos depósitos que podían danar a estabilidade das estruturas.

Tamén se facilitou a circulación do auga no sentido da pendente natural do terreo, para evitar que se acumulase no interior das construcións, escavando ata gabias de drenaxe no exterior das áreas intervidas.

Nos puntos de maior profundidade, onde a pendente natural do terreo se xunta co perfil de escavación, colocouse unha tripla capa de xeotextil, grava e area para facilitar a drenaxe natural.

Consolidación
O seu obxectivo era reforzar as estruturas e mellorar a coherencia e as propiedades mecánicas dos materiais.

A consolidación dos muros realizouse mediante o recho e, nos casos necesarios, a reposición de morteiros de xunta.

Esta tarefa, que en certo xeito modifica o aspecto dos muros, é fundamental e necesaria para poder garantir a estabilidade destes elementos estructurales no seu estado residual e xa modificado polas reformas da época, o paso do tempo, derrubos, o abandono e o período de enterramento. O noso papel consistiu en facer o minimamente necesario para aseguralos estructuralmente, como engadir o elemento cementante que tiveron no momento en que esas construcións foron utilizadas pero que se perdeu co paso do tempo.

A consolidación centrouse prioritariamente nas filadas superiores dos muros que están parcialmente desmanteladas e que son a parte máis vulnerable.

Restauración
Levouse a cabo algunha reconstrución parcial buscando únicamente devolver a estabilidade estructural ás construcións con problemas que puxesen en perigo a súa integridade ou, nalgún caso, para facilitar a lectura daquelas parcialmente conservadas en planta ou en alzado, repoñendo elementos que permitisen completar a comprensión. Esta última actuación realízase baixo o criterio de mínima intervención necesaria e únicamente cando exista a información ou os indicios que nos permitan saber con seguridade a morfología da construción orixinal.

Evitamos en todo caso as reconstrucións imaxinativas e, cando se engadiron filadas nos muros orixinais, empregouse un elemento diferenciador, pequenas pezas de pizarra serradas colocadas cunha separación de 10 cm na base das filadas engadidas, de maneira que fosen reconocibles e que permitisen facer unha lectura clara para distinguir o muro orixinal conservado da parte engadida.

As fotos (xuño de 2014) son de INICIARTE. Nesta ligazón tedes máis fotos.