15/9/14

Mámoas de As Cabanas (Nogueira de Ramuín, Ourense)


Hai uns meses e durante unha visita pola Ribeira Sacra tiven a oportunidade de tirar as fotos que ilustran esta entrada. O texto procede dos paneis informativos alí colocados.

O parque de mámoas de As Cabanas é un conxunto de sete enterramentos monumentais que datan entre o 4.500 e o 2.000 a.C. O cemiterio sitúase no tramo final da divisoria de augas entre os vales do Miño e do Sil aproveitando unha penechaira delimitada por tres grandes afloramentos graníticos.

No concello ourensá de Nogueira de Ramuín e a uns 750 metros de altitude sitúase a parroquia de Moura. No lugar coñecido polo nome de As Cabanas podemos ver un conxunto de sete túmulos ou mámoas que agochan no seu interior os restos dunha cámara funeraria ou anta, espazo destinado á inhumación dos diferentes membros dos grupos humanos da contorna.


Segundo os arqueólogos que puxeron en valor este xacemento “este cemiterio prehistórico podería estar a delimitar o territorio dos primeiros agricultores das actuais terras de Nogueira de Ramuín”. De feitos, se miramos ben aínda podemos atopar unha antiga cruz de termo nun dos esteos do monumento coñecido como M6.


Actualmente os sete túmulos presentan cráteres de violación e tan so catro deles teñen aínda restos da cámara (parte superior dos esteos) e de coiraza.

Fotos: Iniciarte