12/5/14

Francisco Asorey: Monumento a Curros Enríquez na Coruña


Cando en 1908 o poeta de Celanova Curros Enríquez que morre, a recentemente creada Academia Galega puxo en marcha unha campaña para o levantamento dun gran monumento para o poeta . Quen faría o monumento e como se costearía serían dous graves problemas a solventar. Os nosos emigrantes de Cuba e da Arxentina estaban dispostos a poñer os cartos, sendo a Real Academia Galega a encargada da realización do proxecto despois dun concurso público iniciado en 1927. O escultor elixido, en 1928 e non sen moitas presións desde A Nosa Terra, foi Francisco Asorey (non deixedes de ler a magnífica entrada no blog “Arte y arquitectura” sobre este escultor nado en Cambados nin a páxina web do fundación do escultor)


A cantidade inicialmente orzamentada, 60.000 pesetas, sería insuficiente, como amargamente  se laiaba o escultor, para realizar plenamente o deseño inicial posto que este incluía unha gran arca na que acoller os restos do poeta ourensán quen finalmente sería soterrado no cemiterio municipal de A Coruña.

Foi o presidente da República, Niceto Alcalá Zamora o encargado da súa inauguración u once de agosto de 1934, sendo acompañado polo alcalde Suárez Ferrín e por Lugrís Freire, presidente da Academia Galega.

O escultor  Asorey instalara definitivamente o seu obradoiro xunto ao convento de Santa Clara en Santiago nos anos da República. Nos convulsos  anos trinta, o noso escultor faise máis arisco e hermético no eido persoal e, no artístico, reflexionaría sobre o poscubismo coa xeometrización de perfís e volumes. É a época do Monumento a Curros Enríquez para os xardíns da Coruña.

O monumental obra está encabezada polo poeta que leva unha arpa nunha man e unas follas escritas na outra mentres vai camiñando. É un home trúnfante sobre os grandes males de Galicia, é dicir, sobre o caciquismo, a usura e a inxustiza. Detrás del vai o pobo traballador, de homes e mulleres.

O profesor Otero Túñez describe e valora do seguinte xeito esta obra:

Érguese sobre amplo baseamento, auténtico pedregal campestre, entre os seus rústicos perpiaños deslízase a auga ou gorécense os monstros combatidos polo poeta: caciquismo, usura e inxustiza. 

Dominándoos érguese máis arriba a magnífica estatua de Curros, envolto en ampla capa  e empuñando a lira da súa Encomenda. Con 3,3 metros de altura, erguido e firme, como capitán na proa do barco, encabeza dous espléndidos relevos: o dos traballadores,

avanzando baixo dominante cabeza de touro, que suxire a potencia elemental do Universo, mentres o cabalo do lado oposto simboliza a agricultura, o grande invento feminino, como proclama o cortexo de nai e cultivadoras da terra. 

Ó fondo, unha exquisita vertebración de vans e masas recorda de novo os ideais da hora. O esquema dos dolmens modela o aire, tanto entre as súas propias pedras coma no seu enlace co núcleo central, exento mediante os dous verticais e afiados baleiros separadores. E alí xorde a apoteose de Galicia, a muller espida, cos brazos en alto e rodeada polo halo de glorioso amencer, que cantou o vate. A arrogancia xuvenil do seu corpo rotundamente plástico, a valentía da estupenda cabeza, o van formado entrámbolos dous brazos paralelos e os ocos do resplandor, vagos e etéreos como cóncavas nubes, ofrecen unha marabillosa síntese de escultura contemporánea".

A Real Academia Galega xa ten colgado na rede o discurso do Presidente da República do día da inauguración do monumento así como un folleto no que se explica os pormenores da súa construción.

Cita procedente de Ramón Otero Túñez. "Asorey". En Artistas Galegos. Escultores. Realismos rexionalistas. Vigo, Nova Galicia Edicións, 2002, pp. 20-63, cita da páxina 30.

Fotos de Iniciarte.