22/4/14

Seruat: Tarde de domingo na illa da Grande Jatte


Tarde de domingo na Grande Jatte, Georges Seurat, 1884.
Georges Pierre Seurat, 1884
Óleo sobre lenzo.207,6cm × 308 cm
Instituto de Arte de Chicago, Chicago, Estados Unidos

Ou como se diría en francés, Un dimanche après-midi à l'Ile de la Grande Jatte. Por fin puiden apreciar este lenzo en vivo… Está depositado en Chicago,  no seu Instituto de Arte. Onde, por certo, tirei as fotos que ilustran esta liñas. Nos museos norteamericanos permiten utilizar as cámaras sen flash. Hai algún tempo tiveron unha exposición para explicar a realización desta obra.

Como ben nos informa a Wikipedia, a illa da Grande Jatte atópase no río Sena, en París , entre A Défense e o suburbio de Neuilly, dividida polo Pont-de-Levallois. Aínda que por moitos anos foi un sitio industrial, nos últimos anos pasou a albergar xardíns públicos e un conxunto residencial. En 1884 era unha paisaxe bucólica afastada do centro da cidade.

Hoxe sabemos que Seurat estivo case dous anos traballando nesta obra, especialmente na paisaxe. Fixo moitos apuntamentos no propio xardín para logo pasalos ao lenzo. Tivo especial coidado no uso da cor, da luz e das formas.

Expúxoo por vez primeira na oitava exposición colectiva dosimpresionistas en 1886. Non toca hoxe falar da incidencia que tivo a presenza de Seruat e Signac nesta exposición e nas desavinzas que ocasionaron no grupo impresionista.

Xa sabedes que estes pintores puntillistas estudaran en profundidade a teoría óptica da cor polo que sabían que a unión de minúsculos puntos poden crea no ollo do espectador unha figura. Desde xeito, Seruat pretendía acadar unas cores máis brillantes e fortes que as obtidas coas tradicionais pinceladas. Pola tanto, a súa arte non é espontánea, coma nos impresionistas, se non que é profundamente intelectual e reflexivo. Tampouco pintaba ao aire libre xa que prefería o traballo no estudo.

Mais a pesar de tanto estudo… Sereut cometeu un erro ao empregar o novo pigmento “amarelo de zinc” xa que, co paso do tempo, foise escurecendo ata acadar tons marróns.

Aínda por riba, Seruat, rodeou o lenzo cunha trama de puntos limitada por un marco simple de madeira. De feito aínda hoxe é exhibido así no museo de Chicago.


Desde un punto de vista interpretativo, adoita dicirse desta obra que Seruat amosa a hipocrisía da sociedade parisina burguesa xa que nos fai unha representación social na que destacan as prostitutas (mulleres pescando á beira do Sena) ou o mono capuchino, tan de moda na sociedade burguesa do momento, que podería interpretarse como o símbolo da libertinaxe.