3/2/14

Colexio do Cardeal en Monforte: a arquitectura manierista en Galicia


O Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos, en plena Ribeira Sacra luguesa é coñecido popularmente coma O Escorial Galego, entre outras razón pola súa harmonia e simetría.

Texto do profesor Soraluce, con mínimos cambios:
  
Dende os postulados platerescos de R. Gil de Hontañón ou Mateo López, a evolución cara a un renacemento galego máis clásico veu da man de mestres andaluces e santanderinos, como Ginés Martínez, Gaspar de Arce ou Jacome Fernández a finais do século XVI. Entre tanto estábase difundindo por Castela unha nova versión do clasicismo “romano”, tamizado por Herrera e os seus seguidores. Esta denominada escola vallisoletana penetrará en Galicia a partir de 1590, formando neste depurado estilo a numerosos mestres canteiros galegos, que prepararán o terreo para a posterior chegada do barroco. A obra clave destoutra corrente renacentista será o Colexio do Cardeal en Monforte de Lemos (Lugo), do cal os seus autores foron os mestres arquitectos xesuítas Andrés Ruiz, Juan de Tolosa e Juan Bustamante, coa intervención de Juan de Nates e Simón de Monasterio.

Ata o século XIX críase que o autor do Colexio do Cardeal fora Juan de Herrera, apuntándose incluso a posibilidade da intervención dun proxectista italiano, sen embargo, a serie de mestres, entre os que destacan Tolosa e Nates, senlleiros discípulos de Herrera, sitúa a obra no seu verdadeiro contexto arquitectónico, alleo ao renacemento compostelán, mercé á iniciativa do cardeal Rodrigo de Castro, arcebispo de Sevilla de orixe monfortina e home de confianza de Filipe II. O seu interese por crear unha fundación xesuítica en Monforte, vila na que paseou a súa xuventude, tiña como obxectivo satisfacer ambiciosos plans educativos e culturais. En 1591 mandou adquirir os terreos dunha gran planicie xunto ao río Cabe para esta finalidade, pero a súa morte (1600) impediríalle ver rematada tan magna empresa.

O pai Andrés Ruiz foi o primeiro arquitecto da obra monfortina. Del só sabemos que fixo as trazas, presentadas en 1592 para poxar as contratas, sen que a súa intervención pasara dos alicerces, xa que ao ano seguinte o substitúe Juan de Tolosa, arquitecto ao que hai que atribuír o proxecto do templo, monumento central do conxunto. A posición simétrica dos dous grandes patios, coa igrexa en eixe e a fachada única para templo e edificio, responde ao novo tipo de arquitectura monástica e hospitalaria, da cal o máximo expoñente fora o Escorial. Alí crese que iniciou  a súa actividade o fillo dun aparellador de Juan Bautista de Toledo, Juan de Tolosa, ao que se pode seguir a pista en numerosas obras clasicistas repartidas por Castela. Seus parecen ser os mosteiros contemporáneos de san Juan de Corias en Asturias e o templo do mosteiro galego de Montederramo. A súa aportación hai que valorala na difusión dun modelo viñolesco de templo xesuítico cunha gran nave, cruceiro, cúpula, ábsida rectangular e capelas laterais unidas entre si, compoñendo os muros interiores con grandes piastras clásicas que soportan un friso corrido no que descansas as bóvedas de canón e de aresta de naves e capelas. En Corias utilízase a orde dórica; en Montedorramo, a xónica; e en Monforte, a corintia; pero nos tres casos trátase de grandes masas concibidas coa grandiosidade romana de todo o herreriano.

Para Monforte e Montedorramo, Tolosa cortou os patróns de cantería e realizou os modelos (maquetas) dos elementos clásicos segundo documentos da época, a fin de que mestres como Diego de Isla, Juan de Cajigas ou Juan e Pedro de Sierra realizaran materialmente estas construcións. Dos claustros do Colexio do Cardeal, só o apegado ao costado sur do templo é renacentista. Levantouno Simón de Monasterio xa no século XVII cun deseño en orde dórica.

A fachada principal do Colexio, coa interesante portada da igrexa situada no centro, merece un especial detemento para comprobar o grao de amalgama ao que chegou a nosa arquitectura manierista. A portada ordénase en dous corpos distintos superpostos: o inferior almofado acolle unha composición en orde dórica de robusta impronta italiana, mentres que o corpo alto, coas súas piastras xónicas, ten o selo da escola herreriana. Tal diverxencia pode deberse á intervención de dous mestres, posiblemente Tolosa ou Bustamante na zona baixa e Juan de Nates na superior, xa que o deseño recorda a outros remates seus en templos de Palencia, Valladolid ou Medina do Campo.


O resto da fachada, o monumental muro ordenado en tres plantas, responde a unha solución tipicamente española, seguindo a tradición de fachadas palacianas de Rodrigo Gil de Hontañón, cunha galería superior, moi pouco esculiarense. En resume, Monforte compendia a influencia de distintos focos renacentistas como Roma, Vignola, O Escorial, Valladolid, Gil de Hontañón, etc. Un magnífico colofón a toda unha época da arte galega.


En resume, a planta actual do edificio ten unha igrexa cuberta cunha bóveda de canón, un claustro a cada lado, o da dereita máis amplo, tendo nun dos seus lados a sancristía, unha serie de dependencias ao redor dos claustros e un corpo alongado á dereita de todo o edificios segundo se dirixe a vista á fachada.

O sobre a evolución histórica do conxunto arquitectónico cómpre sinalar que foi Real Seminario de Estudos ata 1773, mesmo xérmolo dunha universidade (tivo sete cátedras). Despois da expilsión dos xeuítas de 1767, ordenouse a retirada de calquera símbolo desta congragación (vésaxe o espazo en branco tras retirarse o escudo da orde no retablo de Francisco de Moure. Dende mediados do século XVIII é propiedade da familia Alba, cedido aos Pais Escolapios en 1873.

Como noutras obras arquitectónicas, o terremoto de Lisboa de 1755 tamén deixou aquí a súa pegada: gretas na cúpula, danos da escaleira monumental, ademais doutras incidencias menores.

 Do seu importante patrimonio artístico (varios grecos, Andrea del Sarto, Francisco Pacheco, Francisco de Moure…) falaremos noutra ocasión.

Cita de José Ramón Soraluce Blond. Guía da arqutectura galega. Vigo, Galaxia, 1999, pp. 87-90.
Fotos: INICIARTE.

Bibliografía
Bonet Correa, Antonio. La Arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Madrid, CSIC, 1984.
Cotarelo Valledor, Armando. El Cardenal Don Rodrigo de Castro y su fundación en Monforte de Lemos. Vol. 1. Madrid, Magisterio Español, 1945.
Hermida Balado, Manuel. Lemos: pequeña historia de un lugar con mucha historia. Madrid, Fenix, 1969.
Huerta, Santiago. Arcos, bóvedas y cúpulas: geometría y equilibrio en el cálculo tradicional de estructuras de fábrica. Madrid, Instituto Juan de Herrera, 2004.
Lorenzana Lamelo, María Luisa. 1989. Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: El colegio de la Compañía y el convento de las Clarisas. Lugo, Deputación  de Lugo. 1989
Martínez González, Esteban. Colegio de Ntra. Sra. De la Antigua (Monforte de Lemos). León, Everest, 2000
Pérez de los Cobos, Francisco. Proyecto de conservación, reforma y ampliación del Colegio de Ntra. Sra. De la Antigua de Monforte de Lemos. s. l., 1915.
Rivera Vázquez, Evaristo. Galicia y los jesuitas: sus colegios y enseñanza en los siglos XVI al XVIII. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 1989.
Soraluce Blond, José Ramón. Guía da arqutectura galega. Vigo, Galaxia, 1999.