27/1/14

Miguel Anxo: Piedade florentina

Foto de E.R. para INICIARTE
Miguel Anxo Buonarroti. Piedade florentina. 1550-1555, 2,26 m.
Mármore. Museo dell´Opera del Duomo, Florencia.

Esta obra tamén recibe o nome de Piedade Bandini (por Franceso Bandini quen mercou a peza a Miguel Anxo), do Duomo das catro figuras ou Deposición.
Xa sabederedes o gusto que tivo Miguel Anxo por este tema mais era un tema realmente estraño na iconografía cristiá posto que non aparece nos evanxeos e case poderíase dicir que xurde no remate da Idade Media. É o tema da dor cristiá por excelencia.
Ben lembramos que o escultor florentino realizou este conxunto escultórico en catro ocasións. A primeira delas foi a chamada Piedade do Vaticano, a máis clásica de todas e suficientemente coñecida, e da que INICIARTE xa ten escrito.
Hoxe cómpre falar da segunda, a popularmente coñecida como Piedade florentina. Miguel Anxo desde 1534 estaba residindo en Roma, lugar onde cara a 1550 iniciou esta obra cando xa contaba con 75 anos de idade.
Nicodemo acolle o corpo inerte de Cristo que é abrazado pola súa nai mentres María Magdalena está ao outro lado. Habitualmente afírmase que no triste rostro de Nicodemo, para algún especialista trátase de Xosé de Arimatea, Miguel Anxo fixo un autorretratro pois nalgún momento pensou colocar este conxunto escultórico sobre a súa tumba que estaría na basílica de Santa Maria a Maior de Roma. Son anos de crise relixiosa e de profundas convincións morais.
As cabezas de Cristo e da nai unénse dramaticamente, sentimento que vese aumentado ao empregarse a técnica do “non finito”. Ademais do Cristo morto, os restantes rostros reflicten os estados anímicos diante dunha norte tan dramática. Mais dá a sensación que os personaxes vivos aceptasen a idea da morte como se aceptasen que a alma do fillo de Deus está xa liberada  do seu labor terrenal.
Ten un esquema piramidal, coma a Piedade vaticana, pero agora moito máis vertical e de composición pechada.
Fronte ao clasicismo da súa primeira e case xuvenil Piedade, nesta ocasión Miguel Anxo  presenta un canon moi alongado, típicamente manierista na figura de Cristo morto que ademais amosa claramente una liña helicoidal. É una figura que esbara das mans das persoas que a pretenden sostela.
Voluntariamente a obra foi vendida polo noso escultor a Francesco Bandini por douscentos escudos tras decidir ser soterrado en Florencia. Mais a obra seguiu o camiño do seu autor posto que foi levada á igrexa de san Lourenzo de Florencia por Cosme III no 1674 para uns cincuenta anos despois ser levada á Santa María del Fiore e rematar, desde 1960,  no museo da propia catedral.
Nalgún momento dado, cando considerou que estaba rematada, o escultor tratou de destrozar a peza, mais, afortunadamente, foi detido por un axudante ou por un criado. De feito parece ser que aínda son apreciables restos dese intento na perna esquerda e nos dedos da man da Virxe. O conxunto foi amañado por Tiberio Calcagni, quen fora discípulo de Miguel Anxo e quen tivo que rematar a figura de María Magdalena. Dita figura destaca no conxunto polo seu pequeno tamaño.

Segundo Vasari: "...poida que porque a pedra era dura e chea de esmeril e o cincel sacaba faíscas dela, ou quizá porque a súa autocrítica era tan severa, que nunca estaba contento con nada do que facía... Tiberio Calcagni preguntoulle por que rompera a Piedade e perdido todos os seus marabillosos esforzos. Miguel Anxo respondeulle que unha das razóns era porque o seu criado importunáralle cos seus sermóns diarios para que a ramatara e outra porque se rompeu unha peza do brazo da Virxe. E todo isto, dixo, así como outras desgrazas, incluíndo o descubrimento dunha grieta no mármore, fixéronlle odiar a obra, perdera a paciencia e rompeuna".

Podedes obter máis información na Wikipedia e no estupendo artigo de Ignacio Martínez en Artecreha.
Giorgio Vasari. Las vidas de los más excelentes arquitectos, pintores y escultores italianos desde Cimabue a nuestros tiempos. 1550. Barcelona, tecnos, 2001.