23/12/13

Santa María de Cambre: visita guiada


Guiados excelentemente por Ramón Boga, o pasado xoves 19 de decembro, visitamos a Igrexa de Santa María de Cambre.

    A Igrexa é do século XII (reconstruída entre 1825 e 1833), e de notables similitudes coa Catedral de Santiago (aínda que nunha escala moito máis pequena) foi construída en diversas fases que se fan evidentes a medida que avanzamos do corpo (moito máis arcaico, arcos de medio punto, puramente románico) á cabeceira (arcos apuntados nunha marcada transición do románico ao gótico).

    Coma antes dixemos, ao igual que sucede en Santiago, na Igrexa de Santa María de Cambre podemos rodear o altar maior mediante unha carola ou deambulatorio, o cal se abre a cinco capelas absidiais, ou absidiñas. 

No referente ás naves, son tres, divididas en catro tramos cada unha. Aínda que a cuberta presenta arcos de medio punto, estes non suxeitan unha bóveda, coma sucede noutros casos (arcos de faixa), senón que é de madeira, a dúas augas. Varias hipóteses explican este fenómeno (falta de medios, inseguridade no referente á solidez da estrutura, analoxía con outras construcións relixiosas circundantes…) pero ningunha de elas é do todo segura.

   A fachada, puramente románica, organízase en tres corpos que reflicten a organización interior. 

Presenta dous contrafortes a cada lado da portada, un diferente do outro, e dúas arquivoltas que enmarcan o van, a primeira delas suxeita por columnas xemelgas (comparten capitel e basa, mais non fuste), e a segunda decorada con motivos animais, exceptuando a Daniel (paralelismo con Xesús). 
Na decoración do resto da fachada, destacamos dúas xaneliñas con motivos florais e arcos de ferradura e lobulados, e un grande rosetón no segundo corpo desta, sobre o cal asenta unha cornixa. 

No tímpano da portada represéntase o Agnus Dei (Cordeiro de Deus), inscrito nun clípeo, similar á mandorla do Pantocrátor. As columnas xemelgas presentan capiteis historiados (o diaño, anxos, o Xuízo Final).


    Non podemos esquecer a posterior visita ao Museo Romano de Cambre, onde contemplamos de cerca uns baños romanos e aprendemos o seu uso e a súa posible reconstrución, todo de maneira moi amena e didáctica.

Texto: Paula Currás.
Fotos: Iniciarte.