25/11/13

San Paio de Diamondi (O Saviñao, Lugo)


Unha das sorpresas da Ribeira Sacra, no concello do Saviñao, é esta igrexa de san Paio de Diamondi. As orixes deste mosteiro pódense remontar ao século X. O que hoxe pódese contemplar responde a una edificación románica do século XII, cunha importante comunidade de monxes bieitos. A referencia arquitectónica, en planta e alzado, foi a igrexa de santo Estevo de Ribas de Miño, os inicios da súa construción serían no último terzo do século XII pois no interior do tímpano da porta principal lese a data de 1170.

Temos varias novas históricas no século XII  nas que se confirma a advocación a san Paio, a propiedade de Afonso VII e a entrega, por parte de Fernando II a Fernando Odariz e a súa dona Teresa  Muñíz. Mais tamén sabemos que  por una bula papal de 1185 a igrexa pasou aos dominios do bispo de Lugo. Nos anos posteriores foron varias as liortas pola súa posesión entre os condes de Lemos e o bispado de Lugo.

A mediados do século XIV xa non tiña comunidade de frades e anos despois, en 1480 a igrexa e edificio anexo son mencionados como “os pazos do señor bispo a Diamondi”. Mesmo ata non hai moito tempo, o bispo de Lugo pasaba poe aquí algúns días nos veráns.

No século XIII engadiuse una torre pegada á igrexa e logo una segunda. Foi a partir desta segunda torre cando se fixo o pazo episcopal que logo pasaría ser casa reitoral. Nos século XIX e XX este pazo foi entrando  nun estado ruinoso e mesmo una boa parte derrubouse a finais do 2010. Afortunadamente, e como se pode apreciar polas fotos, xa hai obras de restauración.

A igrexa é dunha soa planta con ábsida de semitambor. Se ben non ten a grandiosidade de santo Estevo, san Paio é una mostra sobranceira do románico galego.

A fachada ten dúas partes moi diferenciadas, a zona superior é completamente lisa (probablemente estaría afectada pola non elevación, ata onde foron deseñados, dos muros laterais), a inferior concentra toda a decoración. En conxunto, a fachada parece presentarnos un templo de tres naves polos tres arcos que a modulan, máis en realidade só o central actúa de porta. Os outros dous son cegos e relacionables con san Estevo de Ribas de Miño.

A porta e os arcos laterais cegos constan de estruturas semellantes, tendo, ademais, unha iconografía nos capiteis realmente salientable.
A porta consta de catro arquivoltas semicirculares con boceis  e escocias con bólas. Todo arredor desenvólvese un semicírculo de billetes O tímpano é liso e está sostido por ménsulas con cabezas de animais, probablemente de lobos, que deixan ver os seu dentes e están realmente ben conservadas. Os apoios son catro pares de columnas de mármore do país con capiteis historiados con animais (centauros, aves, cuadrúpedes con cabezas humanas…) e con basas áticas de toros achatados.

 Os capiteis desta portada están emparellados de xeito que os da arquivolta menor e os da terceira presentan un par de cuadrúpedes afrontados que apoian as patas no astrágalo e o longo rabo enróscanse no corpo; un dos animais do capitel esquerdo substitúe a cabeza pola dun home. Os da segunda arquivolta amosan aves afrontadas e os da maior presentan centauros coas cabezas reviradas. Estes centauros, asimilados a saxitario, non son moi frecuentes no románico galego (fachada de Praterías, pórticos da Gloria de Santiago e Ourense).

A cabeceira é máis baixa ca nave e artéllase con columnas e xanelas. Está abovedada con bóveda de medio canón con faxón no presbiterio e bóveda de forno na ábsida. No seu exterior presenta sinxelos canzorros con decoración xeométrica, alternando cos capiteis estilizados das columnas encaixadas que a reforzan.



Os muros laterais teñen contrafortes e nos panos intermedios do muro hai fiestras sinxelas. Estes contrafortes prismáticos únense mediante arcos de medio punto, coma na catedral de Santiago.

No centro do lado sur hai outra pequena porta chea de interese. Ten unha arquivolta plana rodeada dunha moldura taqueada e un tímpano liso angrelado na súa parte inferior, sostido por dúas mochetas con cabezas de bóvidos. Este tímpano está decorado cun arco de medio punto rematado por dobre festón de arquiños cegos. A porta norte ten un tímpano liso sobre ménsulas decoradas con cabezas de animais que deixan ver os seus ameazadores dentes. Nas dúas portas, un semicírculo de billetes perfila os arcos, coma acontece ao longo dos muros.


A característica máis sobranceira de san Paio é a súa verticalidade xa que se ben por unha banda a nave xa é máis alta ca ancha, ademais do forte poder ascensional dos contrafortes das xanelas e das portas, por outra banda a igrexa foi proxectada cunha maior altura. Esta afirmación apóiase en que os contrafortes laterais amosan o arranque dos arcos murais de descarga, coma en san Estevo de Ribas de MIño. Non sabemos a causa pola que estes arcos non foron rematados e altura do templo non acadou a inicialmente prevista. Probablemente por isto o hastial amósase “sen rematar” como en san Estevo.

O interior do templo é sinxelo: cuberta de madeira a dúas augas con arcos transversais apoiadas en columnas adosadas aos muros e á mesma altura que os contrafortes exteriores. Máis polo miúdo podemos dicir que, probablemente, fora deseñada para ter unha cuberta abovedada. 


Ten arcos apuntados que apoian sobre columnas embebidas nos muros laterais. Os seus capiteis son lisos, algo realmente excepcional no eido románico. Nos muros hai unha imposta de billetes sobre hai xanelas con sinxela decoración. As do norte foron cegadas polo antigo pazo episcopal. Nos dous tramos inmediatos á fachada occidental foron atopados arcos de medio punto. No terceiro tramo foron abertas portas que na súa parte interior contan cun semicírculos de billetes perfilando o extradorso.

Máis información en Arte guías e Monestirs.
Bibliografía: Ramón Izquierdo Perrín. Arte medival (I). Galicia. Vol X. A Coruña, Hércules, 1993, pp. 292-296.
Fotos: Iniciarte. As do interior proceden do libro sinalado.