23/9/13

O casco de Leiro

Casco de Leiro (Rianxo, A Coruña)

Unha das pezas máis coñecidas da arte prehistórica galega é, sen dúbida, o Casco de Leiro, conservado na actualidade no Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña, é dicir, no Castelo de san Antón e máis concretamente na pequena e escura sala de ourivería. Nesta sala hai pezas ás que lles teño un cariño moi especial e das que tocará escribir noutra ocasión.

O profesor  Vázquez Varela describe deste xeito esta peza:

Casco de ouro atopado no interior dunha vasilla de barro con motivo de traballos de construción en Leiro, Rianxo (A Coruña). É de forma hemisférica e remata nun pequeno tronco de cono de base estreita, ten un diámetro máximo de 1195 mm; altura ata a base do remate, 150 mm; altura do remate, 23; peso 270 gramos.

Posiblemente a peza fose primeiro un cunco, quizais de tipo ritual como o indican algúns paralelos centroeuropeos, e despois co engadido do remate se convertese nun casco de parada ao servizo dalgunha xerarquía militar, pois a delgadeza da lámina de ouro quita todo posible carácter defensivo

A peza foi decorada en toda a súa superficie pola técnica do repuxado. Os motivos decorativos dispóñense en bandas horizontais delimitadas por series de tres baquetóns paralelos. Esta orde só se altera na parte superior na que a decoración de bolos se desenvolve arredor do remate colocado en posición central.

Os temas decorativos están formados por bandas de bolos simples e bolos rodeados de catro baquetóns circulares concéntricos enmarcados entre catro pequenos boliños. En total o casco presenta seis bandas de tres baquetóns separando as tres bandas de bolos simples e as tres de bolos rodeados de baquetóns concéntricos. Este exemplar ten claros paralelos na Península Ibérica, coma nos cuncos de Axtroki e Villena, e en Europa con exemplares do Bronce Medio e Final polo que podería ter sido feita neste último período".
José Manuel Vázquez Varela. 100 obras mestras da arte galega. Vigo, Nigra, 1996, páx. 30.

Debo aclarar que para outros especialistas (en concreto para o admirado Francisco Calo) a cronoloxía non sería a de inicios do primeiro milenio a.C. senón en torno á século VI a.C., cando afirma que: "A cronoloxía que podemos asignar ao noso casco (...) levaríanos ao Hallstatt B e C, aproximadamente ao rredor do 800 a.C., se ben esta datación cecais se poida traer ata o s. VI, cando outras pezas, que os niveis máis antigos dalgúns castros están a fornecer, permitan estruturar o proceso de hallstatización do Noroeste".
Francisco Calo Lourido. "O Casco de Leiro". En Galicia no Tempo. Santiago, Xunta de Galicia, 1990, páx. 144.


Se queres coñecer como a casualidade interviu na “aparición” desta peza, visitade Pasado reciclado, e se queres ver como está hoxe o lugar onde foi atopada a referencia é CapituloCero.

1 comentario:

ohma dijo...

É raro que non aparecese ningún vestixio mais, só iste obxecto. Da a impresión como se foise roubado e logo enterrado alí.
Unha aperta.