30/9/13

Cefisódoto e a escultura grega do século IV a.C.

Loxicamente a arte de inicios do século IV a.C. é unha continuación da anterior. Deste xeito, os rostros das esculturas seguen uns parámetros semellantes coa mesma expresión serea, as posturas gardan o equilibro relaxado e as vestimentas continúanse facendo con transparencias, combinando tamén os pregues máis pesados.
Como escultores máis sobranceiros dos primeiros anos deste século IV cabería citar a Hectóridas, Timoteo ou a Trasimedes que traballaron en Epidauro, no templo de Asclepio.
Pero tamén neste anos iniciais imos podendo observar algunhas leves modificación artísticas, probablemente relacionadas coas penalidades producidas pola guerra do Peloponeso (431-404 a.C.) e a influencia de poetas e filósofos como Eurípedes, Sócrates e os sofistas que ían transformado o xeito de pensar da cidadanía. Así irase pasando do antigo ideal despersonalizado á busca do carácter individual, máis humanizado. As expresións dos rostros amosarán unha suavidade melancólica, emocionada; as actitudes tórnanse máis tortuosas e o drapeado represéntase con maior naturalismo, sen esaxeradas transparencias nin contrastes violentos.
Cefisódoto. Irene e Plutón. Glyptothek de Múnic. Copia romana
Probablemente quen entendeu os cambios que se estaban a producir foi Cefisódoto o Vello, artista moi ben relacionado cos ambientes políticos de Atenas, entre outras cousas porque a súa irmá casara cun importante persoeiro do momento, Foción.
Cefisódoto recibiu o primeiro gran encargo do que se teñen novas tras a guerra do Peloponeso por parte de Atenas, a alegoría da paz con Esparta. Xa Pausanias (IX, 16, I) alude a esta obra como unha estatua de Irene (a Paz) cun neno (Pluto ou Plutón) que representaba a Abundancia no seu colo. Hoxe consérvanse varias copias romanas desta peza sendo a máis completa a de Múnic.
Con esta representación da Paz como nai da Abundancia, iníciase o denominado Segundo Clasicismo
Tras estes primeiros anos do século IV xurdirán grandes escultores que dominaran a arte  do mesmo xeito que Fideas e Policleto fixérono no V: Praxíteles de Atenas, Escopas de Paros e Lisipo de Siquión.
A maxestosa dona érguese coma unha matrona clásica cunha vestimenta que lembra Fideas xa que os seus amplo e pesado pregues abandonan o denostado estilo postfidíaco. Mesmo o emprego do peplo, prensa que xa non se empregaba, pode semellar un desexo de retornar ás vellas tradicións. Mais tamén temos xa síntomas dunha nova arte: a douzura da deusa ao mirar ao neno, o contacto psicolóxico coas miradas, o abandono do neno da representación dun adulto de reducido tamaño…
É importante sinalar que esta obra probablemente sexa a primeira gran composición alegórica da estatuaria grega, xa que expresa unha idea abstracta (“a paz como orixe das riquezas¨), algo ata agora non realizado a non ser nalgunha peza cerámica.
A introdución do sentimento e dun certo realismo ao tempo que se conservan os ideas clásicos, pode ser a gran achega de Cefisódoto. Estas características estarían chamadas a ter un grande éxito en Atenas nas seguintes centurias.

Información procedente de Artehistoria e Gisela M.A. Richter. El Arte Griego. Barcelona, Destino, 1980.