18/4/13

Picasso e a arte negra


Cando coñeceu Picasso a arte negra? Desde cando podemos ver influencia da cultura africana nas súas obras? É unha vella polémica á que o artista malagueño non contribuíu precisamente a resolver.

En 1907 no Museo do Home do Trocadero, Picasso descobre as esculturas e máscaras africanas. Fica abraiado.

Vlaminck, o pintor fauvista e veciño de Picasso, ten varias esculturas de Dahomei e de Costa de Marfil. Véndelle unha escultura a Derain quen a amosa a Matisse e a Picasso. Matisse tamén mercará unha pequena escultura africana que tamén amosaría a Picasso. Coñecía xa Picasso estas obras antes de principiar pintar As señoritas de Avignon?

Boceto para As señoritas de Avignon

Vexamos que dicía ao respecto o propio Picasso:


Señorita africana das prostitutas de Avignon

Sempre se fala da influencia dos “negros” na miña obra. Como evitala? A todos gustábannos os fetiches. Van Gogh dixo: “todos tiñamos algo en común, a arte xaponesa”. No noso caso, eran os “negros”. As súas formas non influíron máis en min que en Matisse. Ou en Derain. Pero, para eles, as máscaras eran esculturas como tantas outras. Cando Matisse me ensinou a súa primeira cabeza negra, faloume da arte exipcia (…). As máscaras non eran esculturas como tantas outras. En absoluto. Eran algo máxico. E por que non as exipcias ou as caldeas? Non nos demos conta. Aquelas eran primitivas, non máxicas. As “negras”, eran intercesores, entón aprendín a palabra francesa. Intercesores contra todo: contra os espíritos descoñecidos, ameazadores. Eu sempre miraba os fetiches. Entón comprendino: eu tamén, eu estou contra todo. Eu tamén creo que todo, todo é descoñecido, ¡inimigo! ¡Todo! Non os detalles. As mulleres, os nenos, os animais, o tabaco, xogar? ¡Senón o todo! Comprendín para que lle servían as esculturas aos “negros”. Por que esculpían así e non doutra forma. Con todo, ¡non eran cubistas! (…) Pero, todos os fetiches, servían para o mesmo. Eran armas. Para axudar á xente a non ser presa dos espíritos, a volverse independentes. Eran ferramentas. Se lle damos unha forma aos espíritos, volvémonos independentes”.

Neste mesmo senso e nesta mesma entrevista, Picasso recoñeza que “As señoritas de Avignon” foron a súa “primeira tea exorcista

Texto citado en André Malraux. La Tête d´obsidienne. París, Gallimard, 1974.