14/3/13

Francisco de Goya: "El cacharrero" ou "O oleiro valenciano"

Francisco de Goya. El cacharrero.
 1778 – 1779. Óleo sobre lenzo. 259 cm x 220 cm. Museo del Prado.

Unha das obras que temos que coñecer para realizar axeitadamente a proba de selectividade é este cartón de Goya. Obra que o Museo del Prado (depositario da mesma) entende como “sinxelo momento da vida cotiá madrileña”. Podemos ler unha descrición máis polo miúdo na wikipedia ou en Arte historia, mais, sen dúbida, o comentario máis completo está en Polos vieiros da arte.

Tratando de aumentar a nosa comprensión sobre esta obra do xenial Goya, coñecida como “El cacharrero” ou “O oleiro valenciano”, imos apoiarnos nos estudos do profesor da Universidade de Santiago de Compostela J.M. López Vázquez, xa que para el, esta obra representa fundamentalmente “aos que non refrean a súa ambición de bens mundanos”. A demostrar esta interpretación alude, en primeiro lugar á tradición artística coñecida por Goya que continuara o traballo alegórico que O Bosco iniciaría con Carro de palla seca, na que a palla é o símbolo da non-nada que as persoas ambiciosas buscan acaparar. Goya, en lugar do carro de palla, coloca unha carruaxe, distinguindo graos entre os personaxes pintados. Gradación descendente que iría desde os cabaleiros sobre o “ruedo” (unha roda da fortuna?) ata as mulleres e o cacharreiro valenciano. Os primeiros estarían no máis alto do cumio social e da fortuna (mírense as súas vestimentas) Os segundos están absorbidos ou dominados pola preguiza (están recostados ou sentados sobre o chan), acompañados por un can descansando.

O profesor López Vázquez relaciona a presenza do can con outra obras artísticas para afirmar que Goya estaba inserto na tradición humanística que relaciona o tema da prostitución (localícese á Celestina ofertando os servizos das rapazas ao oleiro) coa preguiza e a ambición desmedida ou a cobiza (explicitamente recollida co echarpe amarelo dunha das mozas. Ademais, o desexo de vivir dun xeito carnal, preguiceiro e avaricioso, afirma, é o que á moza á prostitución. Tamén a posición da cacharreiro (apoiado co seu cóbado sobre a súa capa e a palla seca) é unha mostra dese xeito de entender a vida.

Entende o profesor López que a louza coa que se comercia, e aparente motivo central da obra, amosa o vivir vano e impío que levará ao cacharreiro á súa perdición. Está afirmación susténtaa sobre outros precedentes artísticos.

A falta de moderación apréciase tamén na dama da calesa. A calesa como símbolo do cumio social, como símbolo dos que viven a costa do próximo, levado polo seu apetito e a súa ambición. Finalmente, poderíamos recoller unha última mensaxe de Goya no senso de entender este cartón como un chamamento para que as xentes freen a súa ambición, fuxindo da vida carnal, e que se debe buscar un punto intermedio entre a vil pobreza da prostituta do primeiro término y a riqueza vana da muller do segundo.

José Manuel B. López Vázquez. Declaración de las pinturas de Goya. A Coruña, Deputación provincial, 1999, páx. 154.