5/2/13

Igrexa de san Martiño Pinario (Santiago de Compostela)



Despois da catedral da cidade, o conxunto histórico artístico máis sobranceiro de Santiago é, sen dúbida, o mosteiro de san Martiño Pinario. Non toca hoxe aludir ao conxunto monacal, tan só lembrar que ten máis de 22.000 metros cadrados. Hoxe escribirei sobra a fachada da igrexa do convento, situada na praza de san Martiño, un dos lugares máis máxicos de Compostela.

Deseñada polo portugués Mateo Lópes, é de finais do século XVI. É unha obra concibida coma se fora un retablo, máis mirando ao pasado que cara ao presente ou futuro da arquitectura. Coma todo retablo ten corpos e rúas, narrándose un dos grandes programas iconográficos da arquitectura galega do seu tempo.

Na parte inferior, o primeiro corpo aparecen os profeta Isaías e Xeremías pola súa importancia relixiosa xa que o primeiro fora quen anunciara o nacemento da Igrexa cristiá e o segundo quen comunicara a Paixón de Cristo. Tamén están Pedro e Paulo, responsables do espallamento da nova relixión polo mundo. A cada lado da porta primixenia hai un medallón coa rostro de Aarón, sumo sacerdote, e de Moisés, lexislador. Ámbolos dous aluden ao culto á lei.

No segundo andar ou segundo corpo, está situada a Virxe no centro, estando rodeada polos santos Benedicitiños máis sobranceiros, como san Bieito e san Bernardo.

No terceiro corpo, e rodeando o gran óculo ovalado están os catro evanxelistas e nas rúas laterais aparecen os doutores da Igrexa: san Xérome, san Agostiño, san Ambrosio e san Gregorio. No frontón que remata o retablo xurde a representación de Deus-Pai.

No frontón superior, xa fóra do retablo, xurde a representación da figura de san Martiño no intre de cortar a súa capa.

O retablo atópase protexido por sendas ringleiras de perpiaños almofados.

Chama a atención a actual porta de acceso, situada uns metros por baixo do nivel da praza. No deseño orixinal da fachada a porta era estaba ao mesmo nivel e remataba cun arco de medio punto, tal e como hoxe aínda se pode apreciar. Hai que salientar que a igrexa tiña unhas escaleira por dentro para compensar o desnivel existente. Foi en 1771, pleno barroco, cando o dominico Manuel dos Mártires rediseña a vía de acceso ao templo, suprimindo a escaleira interior, rebaixando o terreo fronte á fachada e facendo unha nova e fermosa escaleira de acceso, coma se dun pazo se tratara. Consta dunha dobre entrada,de estrutura oval, buscando o movemento e a sorpresa. Tívose que modificar, loxicamente, a porta de acceso, nivelándoa coa interior da igrexa. A nova porta ten un frontón partido e as orelleiras características do barroco. É única no seu xénero.

O interior do templo é dunha soa e ampla nave, de planta de cruz latina, cuberta cunha bóveda de canón con falsos casetóns. Á nave central, ábrense as seis capelas laterais, comunicadas entre elas e que ventilan á central por medio de grandes arcos de medio punto. No cruceiro hai unha gran cúpula de media laranxa, e tras el, un gran presbiterio.

Como acontece en case todas as grandes obras, non só participou no seu deseño o portugués Mateo Lópes, senón que tamén o fixeron, tras a morte do primeiro, Xinés Martínez, Bieito González, Bartolomeu Fernández Luchuga ou frei Tomás Alonso, responsable dos balcóns que percorren a nave e o cruceiro e do coro alto sito nos pés do templo.
Fotos INICIARTE