11/2/13

Capela da virxe de Guadalupe (Rianxo, A Coruña)


Calquera galego e galega ten cantado en moitísimas ocasións a canción de A Rianxeira. Nela, alúdese á “virxe de Guadalupe”. Pois ben, hoxe toca coñecer a capela que  acolle a representación da famosa virxe: a capela da Virxe de Guadalupe en Rianxo ( A Coruña)

Esta capela, como moitísimas en Galicia tivo varias etapas construtivas e varias etapas destrutivas (já, já). Así sobre os restos doutra capela anterior, no século XII e con trazas plenamente románicas, levantouse a actual capela. Posterior mete  e xa no século XVI, concretamente no 1561, Don Alonso Fernández Bastón, mandou e financiou a súa remodelación, alterando a fachada. Finalmente no XIX fíxose unha completa remodelación do pequeno templo.

Na fachada destacan as decoradas xambas da porta e o fermoso lintel con inscricións sobre o que se asenta un primeiro friso con platabandas e un segundo friso con guirnaldas e caras de anxo. Máis arriba hai un frontón triangular cunha pequena representación da virxe de Guadalupe protexida por unha venera. Tras o frontón hai un pequeno óculo (non chega a rosetón) e unha fermosa espadana de dobre vano oxival. Nos laterais destacan os poderosos contrafortes así como unha pequena xanela gótica. A ábsida é cadrada e lisa.

O interior é dunha soa nave con cuberta de madeira a dúas augas, salientando unha bóveda de nervaduras e un fermoso retablo no altar maior.

Pero é da virxe, que?. Pois mirade é unha talla de 1773 feita polo rianxeiro Xosé de Santiago a imitación da do mosteiro de Guadalupe en Cáceres. Foi unha figuriña que gardaba na capela de san Xosé da Floresta mais cando as tropas napoleónicas pasaron polas Rías Baixas a deixaron nun estado ruinoso polo que se decidiu traslada á virxe a a capela que estamos a ver.

A romaxe con esta escultura celébrase o primeiro domingo de setembro despois do día 8. Faixe unha procesión mariñeira coa virxe a bordo dalgún buque, mentres o pobo canta “A Rianxeira”.



Esta é a letra: 
A virxe de Guadalupe
 cando vai pola ribeira,
descalciña pola area
 parece unha rianxeira. (bis) 
Ondiñas veñen
ondiñas veñen 
ondiñas veñen 
e van 
non te vaias rianxeira 
que te vas a marear. (bis) 
A virxe de Guadalupe 
cando veu para Rianxo, 
a barquiña que a trouxo 
era de pau de laranxo. (bis) 
A virxe de Guadalupe q
uen a fixo moreniña, 
foi un raiño de sol 
que entrou pola ventaniña. (bis) 

 E iste é inicio do concerto de Bruce Springsteen en Santiago: