5/11/12

Mosaicos de Xustiniano e Teodora en san Vital de Rávena



S. VI d.C (547). 1ª Idade de ouro da arte bizantina.

O mosaico bizantino é herdeiro do paleocristiá e oriéntase á decoración dos muros. O seu papel é fundamental como elemento de transmisión do simbolismo da luz como reflexo, como “raio” de Deus. Tamén ten un simbolismo propagandístico porque a súa riqueza é signo do poder imperial, e resulta por isto un compoñente do cesaropapismo bizantino.

A súa solución plástica conserva esa tendencia idealizadora da arte da época, moi vinculada ao seu contido relixioso e polo tanto espiritual, que é precisamente o que se trata de representar, xustamente o que non é posible “materializar” de forma realista.

Na súa realización empréganse teselas de mármore de diferentes cores e teselas de barro cocido policromadas con pasta vítrea, pero sempre buscando o impacto cromático.

As composicións adoitan ser frontais, con figuras illadas, aínda que se adoitan aliñar nun plano corrido. Na representación repítense os esquemas de rixidez e hieratismo. As técnicas máis habituais son as denominadas opus tessetattum, a base de teselas cúbicas, todas iguais e de distintos tons, e opus vermiculatum, en que cada tesela adopta a contorna precisa podéndose realizar así todo tipo de escenas figuradas. O máis normal era que se combinasen ámbas técnicas, vermiculatum para as contornas e tesselattum para o recheo.

A arte musivaria bizantina tiña como finalidades esenciais, non só a ornamentación suntuosa do espazo onde se desenvolvían as liturxias, senón que, posiblemente, o fundamental era exaltar a grandeza do emperador e da Igrexa; ilustrar por medio de imaxes a función divina do poder imperial e facela visible ante os súbditos e os fieis. Tiña tamén como misión satisfacer o desexo de alago, estimular o gusto pracenteiro do emperador, dos membros da aristocracia e dos dignitarios da Igrexa, todo iso conseguido a través dunhas figuras impregnadas do espírito maiestático, autoritario e solemne, que son a expresión da autoridade absoluta, da grandeza sobrehumana e da inaccesible mística que conforman o mundo das crenzas de Bizancio.

A decoración de mosaicos en san Vital céntrase na zona alta do presbiterio, espazo rectangular pechado pola ábsida e na gran bóveda que remata o espazo. O zócolo está decorado, o mesmo que o resto da igrexa por mármores. O programa e linguaxe iconográfica resúmese na idea de que a obra da salvación humana está mostrada por Deus dende os tempos de Moisés que reciben a Lei divina, pasando polos Profetas do Antigo Testamento, ata chegar ao momento decisivo da Redención (Novo Testamento). O home, en resposta aos plans divinos, tamén dende antigo fixo ofrendas como no Antigo Testamento. Na Nova Era Cristiá a parella imperial, Xustiniano e a súa esposa Teodora, como elixidos divinos. Xustiniano gustaba chamarse "sacerdote", tamén presentan ofrendas ao Pantocrátor, Cristo en Maxestade Supremo e Eterno, representado na bóveda da ábsida. Todo este programa iconográfico está repartido da seguinte forma:

-na bóveda central do presbiterio represéntase o Cordeiro Místico, símbolo de Cristo Redentor;
-nos muros laterais represéntanse escenas e personaxes do Antigo Testamento, no panel inferior, e os Evanxelistas do Novo Testamento no panel superior.

O mosaico de Xustiniano está situado no panel da dereita, sobre o zócolo de mármore. Represéntase o emperador no centro do grupo, revestido de púrpura, coroada e rodeada por un nimbo, que pretende simbolizar o poder conferido por Deus. O séquito imperial foi representado no momento de facer a entrada no templo, portando os obxectos sagrados necesarios para a celebración da misa: Xustiniano leva unha gran patena e algún dos seus acompañantes levan o misal e o botafumeiro. O emperador está precedido de dous dignitarios eclesiásticos e do arcebispo Maximiano, cuxo nome aparece sobre a súa cabeza. Entre este e Xustiniano aparece un personaxe de medio corpo que adoita identificarse con Xuliano Arxentarius, o financiador do templo. Á dereita do emperador están representados os cargos políticos e militares da corte xustiniana: o inmediato a Xustiniano asóciase á efixie do xeneral Belisario, conquistador de Rávena, o seguinte ao xeneral Narsés e no extremo do grupo, pechándoo pola esquerda, unha representación da garda persoal do emperador.

Trátase, polo tanto, dun documento histórico de primeira orde, no que dous personaxes están perfectamente identificados, Xustiniano e Maximiano como arcebispo da cidade, e outros tres que o están hipoteticamente. A vestimenta, a situación e os obxectos que levan son reveladores da súa posición social e da súa dignidade. Os sacerdotes, revestidos para a celebración da misa, portal o misal e o botafumeiro; os dignitarios da corte están simbolizados pola súa túnica, os guerreiros polo atavío militar e o emperador polos seus atributos de poder.



 No friso de en fronte, ao outro lado da ábsida, e á mesma altura encóntrase o mosaico da súa esposa, a emperatriz Teodora, antes bailarina e prostituta, cuberta de pedraría. Teodora achégase á igrexa de san Vital para ofrecer o cáliz de ouro para o sacrificio da misa, no medio dunha brillante comitiva de damas do seu séquito e de dous dignitarios da corte, recoñecibles pola indumentaria, a túnica, un dos cales dirixe o cortexo e introduce a emperatriz na igrexa levantando a cortina de acceso. A Teodora séguena dúas damas que, pola posición e individualidade que adoptan, así como pola variedade do vestido e xoias, se identifican coa muller e filla do xeneral Belisario, íntimas amigas de Teodora. Pecha o cortexo un grupo de damas vestidas ricamente para a cerimonia relixiosa.

Os personaxes mantéñense ríxidos e inmóbiles antes a importancia do acto, a mirada fixa, con ollos excesivamente grandes. Teodora supera en altura o resto dos personaxes do mosaico e está diferenciada e singularizada polos atributos do seu rango: a púrpura e a coroa. A variedade das roupaxes, a súa calidade e colorido están captados con minuciosidade ata os máis pequenos detalles das dobras e elementos decorativos (na parte inferior da túnica represéntanse os Tres Reis Magos, como querendo establecer unha correlación entre a adoración e entrega de presentes e o momento histórico da consagración da igrexa de san Vital); as xoias tamén teñen un tratamento moi realista e preciso.

Ambos os dous mosaicos, o de Xustiniano e o de Teodora, teñen unha serie de elementos comúns pero tamén hai notables diferenzas entre eles. Os dous cortexos reflicten o cerimonial ríxido e regulado que debeu existir na corte bizantina, deducido pola colocación, vestimenta, atributos e actitudes dos personaxes. Son dúas comitivas solemnes e graves, frontais, onde a xerarquización dos poderes espirituais e temporais están perfectamente delimitados. Reflíctese o cesaropapismo da corte (Xustiniano considerábase a si mesmo como o décimo terceiro apóstolo), onde as escenas relixiosas toman o carácter de cerimonias cortesás e, á vez, a solemnidade imperial se adapta ao ritual litúrxico. En calquera caso, hai unha intención de resaltar o maiestático, o autoritario e solemne, non só do conxunto, senón na individualidade dos compoñentes de ambos os dous grupos.

Existen, tamén, notables diferenzas entre ambos os dous mosaicos. Son tan claras que ata se chegou a supoñer que foron artistas diferentes os que os realizaron. Efectivmenete, a cor é moito máis rica e variada no de Teodora. O sentido descritivo que se aplica no tratamento dos seus vestidos e xoias, é moito máis preciso que o usado no emperador; neste os fondos están practicamente suprimidos, creando unha atmosfera áurea que proxecta aos personaxes cara ao primeiro plano, coma se non cupisen no espazo, estructurado unicamente pola colocación dos pés e a ocultación dun dos laterais de cada personaxe polas roupaxes do seguinte. Xustiniano está representado nun retrato simbólico, baixo unha evidente idealización que o separa da realidade tanxible. Contribúen a isto unha serie de convencionalismo característicos: isocefalia, fontalidade, pés en “V”, horror vacui, movementos reiterativos en todos os personaxes, hieratismo e rostros indefinidos no séquito, cores planas, ausencia de perspectiva, maior canon en Xustiniano, como símbolo de autoridade e gracia, ausencia de movemento. Incluso represéntase mozo a Xustiniano, maila ser daquela xa vello, nun claro esforzo de idealización.

 En cambio, no de Teodora, é de moita maior profundidade espacial obtida polo apoio visual das cortinas entreabertas, a fonte de pé ou na especie de fornela abovedada que enmarca a emperatriz. Tamén é distinta a propia proporción das figuras.

Malia as limitacións estilísticas nas que os seus autores renunciaron a todo efectivos plástico de perspectiva, de gran rixidez compositiva, os retratos da parella imperial e do arcebispo Maximiano, son enormemente expresivos e convincentes, dun realismo inusual, sobre todo o de Maximiano, que é sen dúbida o personaxe mellor caracterizado cun rostro enxuto, de mirada vida e emprendedora.

Finalmente, respecto á a cronoloxía, hai que dicir que Maximiano foi designado arcebispo de Rávena no ano 546. A emperatriz morreu no 548, polo tanto hai que entender que ambos os dous mosaicos se executaron entre ambos os dous anos. É posible que os paneis de retratos de san Vital se importasen xa compostos dende Constantinopla e que fosen pegados na ábsida sobre unha base de cemento. En calquera caso, os seus autores son bizantinos e moi coñecedores dos trazos dos principais personaxes.

A información desta entrada procede de múltiples fontes, especialmente na publicada na web do IES Juana de Castilla mais hoxe xa retirada. Aconséllovos que vexades, tamén, o magnífico comentario realizado por Paco Hidalgo en Arte Torreherberos ou o de Enseñ-arte.

2 comentarios:

PACO HIDALGO dijo...

Obra cumbre los mosaicos de San Vital, con mucho juego para selectividad. Estupendo análisis, Antonio; lo guardo. Buena semana.

Gonzalo Durán dijo...

Todavía hoy, cuando contemplamos estos mosaicos en estas pequeñas iglesias de Rávena, nos sentimos impresionados por la sensación de riqueza y poder, por la grandiosidad y magnificencia que desprenden. Imagino qué no debieron provocar en aquellos hombres y mujeres hace mil quinientos años, poco habituados a maravillas de este tipo. No hay fotografía capaz de hacer justicia
a la riqueza y vivacidad del colorido y creo que, quizá por eso mismo, es de los lugares que más me han impresionado, por lo inesperado. Leyendo tu artículo he revivido, al menos en parte, la emoción de aquel día. Enhorabuena, Antonio.