5/4/12

Mosteiro de san Xoán de Caaveiro nas Fragas do Eume


A pesares de estar rematando o curso de Historia da Arte de 2º de Bacharelato, fago hoxe esta entrada dedicada ao Mosteiro de san Xoán de Caaveiro por ter padecidos, unha vez máis, a agresión dalgún pirómano. Como ben saberedes durante case unha semana a Fraga do Eume estivo ardendo. Para min, estes monumentos (o arquitectónico e o natural) teñen unha fonda connotación persoal desde que estiven neles por vez primeira alá en 1972… Despois volvín en moitas ocasións, sendo a última hai menos dun ano, data das fotos que acompañan este post.

O mosteiro de san Xoán de Caaveiro, no concello coruñés da Capela, atópase nun lugar illado, sen ningunha outra construción ou restos de presenza humana, próximas. Precisamente a soidade do lugar foi o que determinou a ubicación deste pequeno mosteiro: nunha coliña rodeada polo río Eume e por un afluente e no media dunha impresionante fraga. O recollemento, o silencio a a harmonía coa paisaxe son características deste lugar.

As orixes da construción témolas que remontar ao século VIII (non quedan resto desta época) e sobre todo aos principios do século X cando un pequeno grupo de anacoretas decidiron xuntarse para vivir en comunidade por iniciativa de san Rosendo. Coa doazóns de san Rosendo, os ingresos do mosteiro medran espectacularmente: terras cultivables á dereita do río Eume, xurisdición sobre vilas e freguesías, ficando exento da autoridade do arcebispo de Santiago de Compostela Deste xeito o pequeno cenobio acadou a categoría de Real Colexiata que terá a finais do século XVIII, cando ficou abandonado e principiou a xeira de abandono.  Nas súas orixes foi un mosteiro bieito e logo, como colexiata, pertenceu á Orde do Cóengos Regulares de santo Agostiño probablemente desde o século XIII. Entre o ano 1220 e o 1259 prodúcese a máxima expansión do seu dominio, nela estivo á fronte do mosteiro o prior Don Martiño Rodríguez, quen logrou a ampliación do couto até a ponte de Pontedeume.

Coa desamortización, todas as posesións da comunidade foron vendidas polo Estado a particulares, as reliquias de San Rosendo foron trasladadas a Santiago, e algúns dos obxectos relixiosos, como as imaxes ou as campás da igrexa, foron distribuídas entre as igrexas das Neves e Soaserra.

Temos que dicir, antes de facer a descrición da obra medieval que cando foi mercado, a finais do XIX, por Pío García Espinosa e tras a obtención dos permisos eclesiásticos para a súa restauración, foron derrubados importantes elementos arquitectónicos tales como a casa dianteira ou a igrexa prioral; ademais edifícase un pavillón para almacén e reconstrúese a capela de santa Sabela. Incluso volve ser ocupado por relixiosos, pero esta vida monacal coa morte de Don Pío volve desaparecer.

Considero que a principal característica arquitectónica do conxunto de Caaveiro é a súa adaptación ao difícil e escarpado terreo. Así como a falta de espazo edificable tendo que recorrer a dependencia subterráneas e a muros de contención. Os restos arquitectónicos máis antigos son do XII. O conxunto contaba con dúas porterías, un casa con forno, seis celas, un cabido e outras dependencias común. Ademais destacaban as dúas igrexas románicas dunha planta e con ábsidas semicirculares. Fóra do recinto estaban algunhas vivendas para criados, as cabaleirizas e o muíño.

A igrexa que hoxe podemos contemplar está situada sobre unha coliña polo que houbo que facer muros que actúan como auténticos contrafortes. Tras sucesivas e lentísimas campañas de restauración levadas a cabo pola Deputación da Coruña, actual propietario, podemos gozar dunha magnífica igrexa románica cun campanario barroco do XVIII que, como na meirande parte das torres de Galicia, é debedora da estética de placas de Simón Rodríguez sendo o seu autor Clemente Fernández Sarela. Baixo dela pódese ver o escudo coas as armas de Castela e León, co Toisón de ouro e a coroa real, e unha ventá rectangular.

Existían dúas igrexas. Da primeira apenas quedan vestixios e da segunda, que é a capela de santa Sabela, podemos dicir que é dunha soa nave rectangular de 5,70 metros de largo, con ábsida circular. Foi restaurada por Pío García Espinosa aumentando a lonxitude da nave. 

A igrexa, ou polo menos a cabeceira e parte da nave, é románica de finais do século XII, con planta rectangular dunha nave cuberta de madeira e unha ábsida semicircular cuberta con bóveda de medio canón peraltada terminada en bóveda de forno. O arco triunfal tamén é peraltado, descansando sobre columnas acodilladas aos muros.

Exteriormente apréciase o gran desnivel do terreo que existe baixo o corpo do templo e a ábsida o que obrigou a construír un gran muro cadrado de apoio, encostado ao barranco, que mostra grandes contrafortes e que recorda a articulación lombarda polos seus arcos e pilastras. 

Pola súa banda, a propia ábsida non é precisamente esvelta nin de gran tamaño. Con todo, a habitual boacaliade dos perpiaños graníticos do románico galego e a acertada relación de proporcións fai que se nos mostre bastante harmoniosa. 

Ten esta ábsida un triplo rebanco en degradación e dúas columnas con capiteis de pomas que dividen o muro absidal en tres panos ou rúas. Nos panos central e meridional ábrense senllas ventás de dobre arquivolta semicircular e de superficie lisa apoiadas en dous pares de columnas acobadadas. O van do pano norte é sinxelo, de medio punto tamén e arestas vivas.

O saínte tornachuvias repousa descansa nas columnas que separan os tramos e en canzorros de variada ornamentación.

Hai que advertir que a bonita pero algo estraña portada principal foi moi modificada (reinventada) na citada restauración decimonónica, posto que, segundo parece, parecíase á da igrexa de Bergondo. Esta portada do Oeste configúrase de dúas arquivoltas apoiadas en columnas codilladas cun tímpano decorado cun Agnus Dei de prominentes cornos.

No exterior, a casa dos canónicos, as cociñas, a casa dos criados, as cabalerías, o conxunto do muíño e a Ponte Sesín do mosteiro tamén se conservan aceptablemente.

Conta a lenda que unha chuviosa mañá de inverno en Caaveiro, San Rosendo levantouse e vendo o mal día que facía queixouse contrariado. Ao momento decatouse do seu pecado xa que o tempo era vontade divina. Decidiu tirar ao río Eume o seu anel episcopal como penitencia. Sete anos despois, mentres o cociñeiro de Caaveiro preparaba o xantar para os monxes, abriu un salmón e, dentro dos intestinos do peixe, atopou o anel de San Rosendo. Rapidamente comunicoullo ao bispo, quen dando grazas a deus deuse conta de que o seu pecado fora redimido”.

O conxunto  é Monumento Histórico Artístico desde 1975.

Máis información na Wikipedia en galego, en Arte guías e neste artigo. As fotos son de INICIARTE.

 
Déixovos, finalmente, unas fotos da beira do río Eume.

6 comentarios:

Dilaida dijo...

Moitas Grazas
Bicos

Antonio Martínez dijo...

Grazas a ti pola lectura e polo comentario.

juan dijo...

Lin a historia de Caaveiro, felicidades, é moi fermosa e non se podería expresar mellor. Para todos nós, sobre todo para os da comarca de Ferrol Caaveiro era... outra cousa. Ainda que o de Monfero formalmente está no parque, todos a cercanía e a paisaxe facían de Caaveiro un lugar único. Era retroceder no tempo e ir a un mundo máxico, onde podían sair as fadas de calquer sitio, escoitando o son dos paxaros a edas augas. As ruínas,m esas misteriosas escaleiras que segundo as crenzas daban a un pasadizo segredo que chega a Pontedeume... a paisaxe cambiou substancialmente nos últimos anos, de feito había moitos eucalpitos mesmo en lugares emblemáticos, reconstruiron o mosteiro... e agora a viaxe que todos os anos faciamos a pe dende Pontedeume será disstinta, estará queimada, pero se recuperará, esperemos que sin eucalpitos. A verdade é que teño centos de fotos e diapositivas, pero me parecían as máis significativas, sobre todo porque son da zona queimada por un cúmulo de circunstancias.Agora, no transcurso das visitas poderemos observar a restauración do bosque.

Begoña dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Begoña dijo...

Grazas polo teu artigo no que ademais da proxección docente rezuma amor polo arte e o sitio.
Coñezo o lugar dende fai 25 anos e a súa máxia faime visitalo todas as primaveiras... menos mal que ao parecer poderemos visitalo.

Enlazo o teu post no blogfesquío, co teu permiso.

Grazas

Anónimo dijo...

Me alegra ver que desde la última vez que estuve allí el monasterio está más cuidado. Me ha gustado la historia porque no sabía que era tan antiguo. Pero, con lo que realmente me quedo, es con las fotos del río. por mucho que nos empeñemos los hombres, jamás conseguiremos la belleza que forman el verde, las piedras y el agua, de forma natural.
María