3/3/12

Visitando exposicións: Isaac Díaz Pardo


A sede da Fundación Novacaixagalicia na Coruña acolle desde o 23 de febreiro a obra plástica de Isaac Díaz Pardo. Cos fondos das coleccións de Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, articúlase unha exposición na que, a través de grandes lenzos, estudos preparatorios, bosquexos e debuxos do autor, móstranse as bases de toda a estética posterior do artista. Ata o 1 de maio, a sede do Cantón Grande porá a disposición dos cidadáns a esencia artística do "xigante infinito", Isaac Díaz Pardo. 

As 35 obras dispostas na exposición da Coruña recollen os lugares pictóricos de Isaac, en palabras do seu fillo, Xose Díaz, comisario da exposición: "Hai tres lugares fundamentais na faceta pictórica do meu pai: un é Madrid, territorio de formación e consagración, onde estuda Belas Artes e comeza a súa andaina profesional...o segundo lugar, e un dos máis fecundos, é O Castro de Samoedo, onde aparece a madurez e realiza os seus grandes óleos... O terceiro e último lugar da súa creación pictórica está situado alén do Atlántico, preto dos seus amigos e camaradas do exilio, nun lugar próximo a Bos Aires no que comeza unha especie de desterro, afastándose da Galicia encollida, triste e asfixiante dos anos cincuenta, ese lugar é: A Magdalena".

A exposición, que se fornece dos fondos de Novagalicia Banco e de Novacaixagalicia, deixa ao espido a un Isaac de formación clásica e empapado dunha intensa tradición artística familiar, a un artista que está sentando as bases de toda a súa plástica posterior, A exposición estará arroupada pola edición dun catálogo: Isaac Díaz Pardo. Fondos Colección Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, que se poderá adquirir nas librerías das sedes e recolle textos do propio artista e dos comisarios da mostra Xosé Díaz e Rosario Sarmiento.
texto e imaxe vía Fundación Novacaixagalicia.

No hay comentarios: