27/2/12

Bernini: a praza de san Pedro do Vaticano



Toda a fortaleza da Roma triunfante barroca amosouse no urbanismo da Praza de san Pedro (1656-1667) concibida por Bernini.

Despois de rematar a facha do templo, ese elemento que anula a visión da cúpula de Miguel Anxo, o papa Alexandre VII, encargou a Bernini a realización dunha nova praza que dera cobillo aos fieis da cristiandade.
É unha obra que ten por obxectivo resaltar a fortaleza espiritual e material do papado como centro da relixión católica. A súa estrutura está condicionada pola existencia da basílica e do obelisco. O arquitecto dispuxo unha elipse aberta, construída por un conxunto de columnas xigantes de orde toscana con entaboamento xónico, conectada coa cidade e unida por un corredor diverxente á fachada da basílica, á que singulariza e resalta, a xeito dun grande escenario teatral onde o Papa realiza aparicións públicas. Esta idea escenográfica vese salientada pola creación dun espazo central de forma oval arredor do obelisco encerrando o simbolismo do omphalos mundi e suxerindo os brazos da igrexa abertos ao fiel.

Temos que pensar que a configuración actual da praza está modificada pola apertura da Vía della Conciliazione, durante o fascismo xa que racha o efecto sopresa deseñado polo gran Bernini. Lembrade que todas as rúas que rodeaban a praza eran moi estreitas e pequenas e que, polo tanto, calquera persoa que accedes á mesma atoparíase cun gran recinto non que era recibido “cos brazos abertos”. Ademais Bernini deseñara xunto coa Piazza Retta (a trapezoidal), a Piazza Oblicua (a oval) un terceiro espazo, o Terzo Braccio que non se chegou a edificar. Pretendía que a praza fora unha especie de atrio da basílica.

A praza, como xa dixen, ten forma elíptica, medindo o eixo maior 339,97 metros e o menor 239,97. A columnata está conformada por catro ringleiras en estilo dórico toscano, formando tres corredores. Son un total de 248 columnas e 88 piares construídos en mármore travertino, de 16 metros de altura. A columnata conforma dous semicírculos que crean a elipse.


A idea de Bernini era potenciar, de novo, a cúpula de Miguel Anxo, e contrarrestar, dalgún xeito, a fachada de Maderno. Para iso deulle á columnata unha altura moi inferior á nova fachada, mentres que as pesadas columnas toscanas realzaban a verticalidade da fachada.


Sobre a columnata hai 162 figuras de santos, realizadas segundo os deseños do propio Bernini.

Case no centro da elipse atopamos o obelisco de Heliópole, colocado alí en 1586 e que, xa que logo, condicionaría o deseño da praza. Procedía do antigo circo de Nerón. É un obelisco cun peso de 360 toneladas rematado cunha cruz de bronce que contén un fragmento da cruz onde morreu Cristo (outro anaco da cruz?)  Se nos situáramos no centro da praza, onde hai un disco de granito e mármore que o indica (“Centro del colonnato”), apreciaríase como se non houbera as catro ringleiras de columna xa que Bernini consegue o efecto óptico de apreciar tan só a exterior, xa que as interiores  van, progresivamente reducindo o seu diámetro.

Como curiosidade podemos lembrar que entre a basílica e a praza ocupan o 20% do territorio do Vaticano.





Fotos de INICIARTE.

No hay comentarios: