3/4/11

Visitamos Santiago: Carta de Noelia

Querida amiga:
Que tal che vai todo por aí ? Espero que moi ben coma a min. Escríboche esta carta para contarche a viaxe que fixemos a Santiago o xoves desta semana, fágoo porque sei que estás lonxe e que botas de menos todo o de aquí, ademais Santiago é unha cidade marabillosa. A excursión realizouna o profesor de arte, a idea xurdiu de que no trimestre pasado estivemos estudando a arte románica e agora neste trimestre estamos coa barroca e como a catedral ten una mestura das dúas, ademais de outras tendencias, sempre é mellor velo na realidade que en diapositivas. Cando chagamos, despois de baixarnos do autobús e camiñar un anaco, demos coa Fachada do Obradoiro onde puidemos apreciar de primeira man o espectaculares que son as esculturas e as dúas torres que a forman. Foi dirixida, a súa construción, polo arquitecto Fernando de Casas e Novoa que seguiu o estilo barroco e tentou de solucionar tres grandes problemas como eran o de cubrir o Pórtico da Gloria de orixe románica, integrar o edificio no deseño da cidade e acoller a escaleira barroca que xa estaba empezada. É incrible como podían deixar ó abeiro do tempo o Pórtico da Gloria verdade? Coa cantidade de coidados que se lle dan agora para mantelo o mellor posible. A verdade é que a fachada é moi feitiña, a min gustoume moito e pódoche asegurar que das dúas veces que estiven na catedral antes do xoves, nunca vira nin a metade de todas as esculturas que alí se atopan. Despois entramos a dentro pero non puidemos ver o Pórtico da Gloria ben, porque está todo tapado para que os especialistas o estuden e o limpen para mantelo no mellor estado posible. Aínda así paseamos por dentro da catedral e pódoche dicir que é espectacular, sobre todo o altar que está moi decorado, onde, por certo, atópanse uns anxos feísimos que sosteñen ó apóstolo no altar maior, pero aínda que son horribles, no que se refire ó aspecto, están moi ben feitos porque levan unas vigas no medio que non se ven aínda que os rodees. Ademais se te fixas pódese apreciar nas columnas que están máis preto do altar que quedan restos de pintura, é incrible! e por certo todo o que hai no altar é de madeira policromada non sexas coma min que pensei que era mármore! Pero e que se che digo a verdade ten un aspecto tan robusto que non semella madeira! Cando rematamos de ver a catedral por dentro, fomos a una igrexiña moi bonita que hai alí xusto, que aínda que é pequena é moi linda, a capela da Corticela. Logo saímos de novo para fóra e rodeamos a catedral pasando pola Porta Santa que só se abre no ano Xacobeo e chegamos á Torre do Reloxo deseñada por Andrade que agora tamén se atopa con obras de restauración. Alí xusto, ó seu carón está a Fachada de Praterías, e dígocho de verdade que se te achegas ves como se nota que algunhas das esculturas que están alí non foron deseñadas para ser colocadas nese lugar, pero é todo moi espectacular. Tamén visitamos o Convento de Santa Clara que queda arriba dunha costa e que só se pode ver por fora porque alí viven monxas de clausura. O deseño dese convento é de Simón Rodríguez, é algo raro. Eu nunca pensei que o barroco fose así, nótase que nunca me fixei demasiado, din que se chama “barroco de placas” pero a verdade é que é moi fermoso. Despois tamén fomos así de imprevisto ao Museo do Pobo Galego, un museo no que nos sacamos fotos na tripla escaleira de caracol barroca de Domingos de Anfrade. Espectacular! Eu xa dixen que na miña casa hei de ter una igual. A verdade é que o pasei moi ben na excursión, o tempo pasouse moi rápido, supoño que é o que pasa cando algo che interesa. Cando estés de volta aquí, no verán, fágoche de guía unha tarde e explícoche todo, xa verás como a catedral é moito máis grande do que recordas. Un bico: Noelia.

4 comentarios:

Antonio Martínez dijo...

Fermoso texto, Noelia. Grazas.

PACO HIDALGO dijo...

Sin duda alguna, un gran texto de una alumna que ama el arte. Saludos.

O Sorriso de Daniel. Patrimonio Románico dijo...

Dende a Asociación O Sorriso de Daniel queremos felicitarvos pola iniciativa do Blog e polo fermosísimo texto de Noelia. Dá gusto ver que isto da arte é unha "doenza" que contaxia tamén aos máis novos.
Apertas
http://www.osorrisodedaniel.blogspot.com/

lucia dijo...

Encantoume. A verdade é que ao leer este texto, danme ganas de volver a Santiago !!