17/1/11

Arquitectura cisterciense en Galicia (III): Mosterio de santa María de Oseira


Incorporouse ao Císter en 1141, sendo o primeiro de Galicia é un dos primeiros da península. Contou cos favores reais e doazóns privadas. A conclusión da capela maior tería lugar cara a 1195-1200. A actividade construtiva é intensa nas primeiras décadas do século XIII. A probable data de consagración no ano 1239 podería convir como a do final das obras. A arquitectura deste templo é unha síntese entre o foráneo e o local, que é un fenómeno moi presente en toda a arquitectura da Orde.
A partires do século XIVcomezaron os seus problemas. E mesmo xa en 1552 un terrible incendio destruiu o mosteiro pero non a igrexa, sendo reconstruido durante a segunda metade do XVI, o XVII e o XVIII. A desamortización de 1835 fixo que o chamado Escorial galego ficase abandonado, sendo saqueado. A partires de 1929 principiaría a súa lenta recuperación.
Xa quedou dito que o único de orixe medieval que queda é a magnífica igrexa. Ten planta de tres naves no brazo vertical e unha no cruceiro cubertas con bóveda de canón apuntado, agás no tramo central do cruceiro no que se levanta unha cúpula. A cabeceira sustitúe o “proxecto” bernaldín” por unha espléndida capela maior que ten todo arredor un deambulatorio amplo ao que se abren cinco capelas de clara influencia compostelá.


A planta
Ten forma de cruz latina, con tres naves de sete tramos no brazo longitudinal e unha soa no cruceiro, con dous tramos. A central de maiores proporcións en ancho e alto, mentres que as laterais son baixas e sensiblemente estreitas. A cabeceira de grandes proporcións no seu estado actual supón unha alteración respecto da que sería canónica para o plano inicial, á marxe doutras alteracións sufridas en época barroca. Consta dunha capela maior semicircular, precedida de dous tramos rectos, ao redor da cal desenvólvese unha xirola, con sete compartimientos na zo
na curva as rectas de dous tramos cada unha.
Na xirola ábrense cinco capelas, que orixinalmente terían planta circular precedida dun tramo recto, soamente na actualidade conserva esta inicial disposición a situada ao sur da capela central.
Os capiteis levan decoración case todos de follas lisas con resalte central na súa terminación. O de máis interese é o situado no segundo tramo ao lado da epístola representando catro cegoñas de longas e delgadas patas, afronta
das picando un obxecto común.
O hemiciclo absidal cóbrese con bóveda de crucería composta por oito nervios de sección prismática compostos dun groso touro enmarcado por sinxelas nacelas, que conforman sete plementos cóncavos.

As naves
O brazo lonxitudinal da Cruz da planta ten tres naves, de notable lonxitude, de sete tramos cada unha, sendo a central sensiblemente máis ancha e elevada que as laterais. Cóbrese a nave maior con bóveda de canón apuntado, lixeiramente peraltada con arcos faxóns da mesma directriz, simples e de arestas vivas; apéanse en columnas embebidas no núcleo do alicerce e no muro. As naves laterais moi estreitas, cóbrense con bóvedas de canón apuntado, peraltado. A maior parte dos capiteis decóranse con motivos vexetais, cimacios de nacela libre. Reciben luz as naves laterais por medio de fiestras, unha por tramo, con arco de medio punto de arestas vivas.
O cruceiro e a cúpula

O cruceiro destácase tanto en planta como en alzado; fórmao unha soa nave de brazos de curta dimensión e cóbrese con bóveda de canón apuntado, do mesmo xeito que as naves. Sobre un cruceiro álzase a airosa cúpula. Exteriormente é un sinxelo corpo octogonal, liso e espido, sen máis decoración que unha cornixa con canzorros. No interior atopámonos cun polígono de base de dezaseis lados conseguido mediante catro grandes trompas, hoxe decoradas con relevos barrocos de madeira tallada, que ten a cada lado outras dúas pequenas que se unen aos tramos situados sobre as claves dos arcos torales. A cúpula fórmana 16 nervios radiais de perfil rectangular. Atribuíse ao monxe Fernán Martínez, que figura na documentación como mestre de obras do mosteiro segundo Peralta; a data da súa construción sería o ano 1282.
No testeiro ao lado sur ábrese a chamada Porta dos Mortos, por estar próxima ao cemiterio monacal. Interiormente é de traza moi sinxela cun arco dobrado, lixeiramente apuntado e de arestas vivas, se voltean directamente un sobre as jambas e outro sobre o muro. Neste mesmo muro, sobre a porta ábrese un g
ran rosetón dunha soa arquivolta de groso baquetón liso enmarcado por unha chambrana con perfil de dobre nacela carente de decoración. A tracería é moi simple, un cruz formada por columnas panzudas unidas pola base e conformando unha especie de trevo de catro follas.


Oseira
View more presentations from Antonio.


Bibliografía e textos de: Proxecto Galicia. Arte. Vol. XII, páx. 20-47
Páxina web do mosteiro. Fotos vía Mosterio de Oseira.

4 comentarios:

Cristina dijo...

Ay...Este enero que no deja tiempo para nada... Veo que voy atrasadísima en la lectura de tus entradas sobre los monasterios en Galicia...Esta noche me pongo al día,,, Qué rabia, por Dios!

Antonio Martínez dijo...

Grazas Cristina polo seguimento. Ánimo só queda unha entrada máis.

Cristina dijo...

Aquí fixen trampa, acabo de leer agora mesmo o post... De Oseira pódese decir tanto... Fun moitísimas veces de nena, na biblioteca hay unha morea de libros do meu avó...
Grazas...

Antonio Martínez dijo...

Pois Cristina levo tanto tempo sen ir a Oseira que tiña as miñas fotos en diapositivas... e tiven que recorrer ás da páxina do mosteiro.