14/1/11

Arquitectura cisterciense en Galicia (II): O Císter en Galicia

Desde principios do século XI xorden movementos monásticos que pretenden unha maior austeridade, destacando os cartuxos e os cistercienses. Os primeiros non se establecerían en Galicia, pero os segundo tiveron un importante número de fundacións e aínda permanecen varias como mosteiros.
A orixe dos monxes brancos sitúase en Roberto de Molesme ao abandonar, en 1098 xunto con outros 23 monxes o seu mosteiro para crear outro restaurando “a austeridade e a simplicidade da regra no campo disciplinar, ascético, litúrxico e incluso artístico, despois da experiencia cluniacense”. Contarán coa protección papal desde comezos do XII. Organizaranse en abadías autónomas, aínda que vinculadas á casa nai. Unha das primeiras en aparecer foi a de Clairvaux, fundada por Bernardo de Claraval no 1115. Cunha rápida expansión, chegou axiña a Galicia. Así entre 1141 e 1150 dátase a filiación do mosteiro de Oseira e de Sobrado. Desde aquela e ata o primeiro cuarto do século XIII dátanse a maioría dos mosteiros cistercienses de Galicia, entre os que están todos aqueles con fábricas que conseguiron importancia artística dentro da arte románica cisterciense.

Este rápido espallamento debeuse non só ao impulso relixioso, senón tamén ao apoio decidido que lles ofreceron reis como Afonso VII, Fernando II e Afonso IX xa que estaban moi interesados na ocupación de territorios desertos e que parecían axeitados para o establecemento dos cistercienses, pois estes buscaban sitios arredados para se dedicaren á vida ascética.



Na Apoloxía que lle dirixiu san Bernaldo a Guillerme, abade de Saint-Thierry, en 1125, rexeita o luxo nas igrexas, os motivos ornamentais, as imaxes e as iconografías habituais por consideralos innecesarios para os monxes, que “se separaron do mundo e por amor a Cristo abandonaron todo o que é precioso e agradábel”. Por isto, pódese falar das igrexas “bernaldas”, se ben non existe un tipo único, si que hai, segundo Torres Balbás, “unha tendencia uniforme… cara á sinxeleza extrema (…) As igrexas foron oficinas de oración nas que nada distraía aos relixiosos da meditación e da contemplación espiritual… Deste espírito xurdiu unha arquitectura núa, adaptada perfectamente á súa función; a beleza reside na proporción e na harmonía das partes, e tamén na ordenación xeral, calidades que a achegan á sensibilidade contemporánea”.


As igrexas do Císter adoptan, a miúdo, unha planta cruciforme con tres naves no brazo maior e unha no cruceiro, con capelas rectangulares. Desde o século XII, coa suavización do espírito inicial, adoptan solucións máis complexas, con deambulatorios con capelas radiais (Oseira) por influxo da catedral de Santiago. As cubertas serán de canón apuntado, ademais de bóvedas de arestas, cuarto de canón, nervadas. Os arcos formeiros e faixóns adoitan ser apuntados, e nas xanelas de medio punto.


A organización interna das igrexas cistercienses adoita reflectirse no exterior por mor da gradación dos volumes a partir do centro do cruceiro ou do tellado da nave maior. Os muros artéllanse con rexos contrafortes prismáticos. As fachadas occidentais presentan porta con motivos vexetais ou xeométricos, con rosetón, pudendo ter portas correspondentes ás naves laterais.


Por manter os principios da Orde, as igrexas cistercienses en Galicia, prescinde de capiteis historiados e os figurados son moi escasos, domiñando os que teñen decoración vexetal ou os que carecen da calquera decoración.

Bibliografía: Proxecto Galicia. Arte. Vol. XII, páx. 20-47.

3 comentarios:

Anxo Varela dijo...

Moito me gusta a arquitectura medieval galega. É curioso, porque o noso románico, o gótico e cisterciense húmido e apegado á paisaxe que temos en Galiza entra en capas moi profundas da psique e forma parte do noso modo de entender a vida.

Agora vivo en Andalucía e fai-se-me moi estraño asumir que todo o medieval é árabe! Non hai nin campas escritas en caracteres románicos, nin bóvedas de crucería góticas...

E non é morriña nin queixa. Disfruto moitísimo ao ver as maravillas árabes que aquí hai, a arte hispano-musulmana é fermosa, elegante e conforma a beleza, o carácter mesmo destas terras que me teñen acollido de forma tan xenerosa. Pero aínda así fáiseme raro pensar que todo o medieval, aquí, é árabe. Non deixa de ser curioso, e máis aínda saber que á xente de aquí resúltalle normal non ver ábsides redondos románicos, por exemplo.

Antonio Martínez dijo...

Curiosas e atinadas reflexións, Anxo.
Desexo que a vosa nova vida vos vaia o mellor posible.

Cristina dijo...

Interesante post...