24/12/10

O Pórtico da Gloria (V): os cronistas





















A composición de Cristo como Pantocrátor responde a certas normas: Cristo só dentro da améndoa mística; no exterior da mandorla aparecen catro animais. Sen embargo, a composición que o Mestre Mateo fai no Pórtico da Gloria ten aspectos novidosos, rachando co esquema tradicional e amosando, de novo, a orixinalidade do artista. Cristo non parece illado, e é presentado rodeado polos catro evanxelistas coa súa propia imaxe, en tamaño salientable. Tres deles escriben sobre os animais que os simbolizan, pero Mateo faino sobre un ábaco para facer contas.

No Pórtico os catro evanxelistas son cronistas que se atopan moi próximos á figura de Cristo-rei, para poder escoitar o que lles di, sen perder ningunha palabra e transcribilo todo. Ademais de escribir é ben notorio que os catros están escoitando, moi atentos ao que se lles poda contar. O artista coñece os símbolos dos tetramorfos e así aparecen en tres casos, pero os supedita ao traballo dos cronistas e por iso lles serven de apoio. Debe parecer evidente que no caso de Mateo sería moi violento facer que un anxo lle servirá como mesa de traballo e por iso cambiou a súa figura por un ábaco.
En épocas posteriores será habitual ver as representacións dos evanxelistas escribindo, mais sobre pupitres, non sobre os animais; normalmente estes ou o anxo ocupan un espazo separado da acción de escribir, e de menor protagonismo. Tampouco será frecuente colocar aos catro evanxelistas tan preto de Cristo.

Bibliografía: Félix Carbó Alonso. El Pórtico de la Gloria. Misterio y Sentido. Madrid, Ediciones Encuentro-Caixanova, 2009

1 comentario:

clariana dijo...

Muy bello "O Pórtico da Gloria." Deseo una feliz Navidad para tí y tus familiares. Saludos.