19/12/10

Baroña: outro castro en perigo

Recollo esta nova da Voz de Galicia pola importancia histórica deste xacemento como polo cariño que teño ao ter participado en varias campañas de escavacións, hai xa bastantes anos.

O seu éxito de público é talvez a súa maior condena. E é que os máis de 100.000 visitantes ao ano que se calcula que pasean sen control sobre as súas pedras son, xunto á pasividade das Administracións, que permitiron un primeiro plan que contempla actuacións de ordenación tan simples como a sinalización dun camiño de acceso ao xacemento, os principais problemas que prexudican ao castro de Baroña, o segundo máis visitado de Galicia tras o de Santa Tegra.

O seu acceso por estrada é premonitorio. A AC-550 é o viario polo que se chega ao castro, cunha única sinalización para os vehículos que proceden de Santiago despois de atravesar o municipio de Noia e chegar a Porto do Son. Unha sorte que non gozan os turistas que chegan das Rías Baixas, previo paso por Ribeira.

O acceso ao castro faise por un camiño intuitivo e froito da improvisación de quen non coñecen nin teñen onde informarse. Un todo vale que no verán chega ao esperpento. O mesmo sucede na península sobre a que se levantaron as primeiras pedras no século I antes de Cristo. Feces, calzóns e ata unha moto de cros rubindo entre os restos empedrados son os tristes detalles que algúns recordan. Así é a vida deste castro. Sempre sometido ao civismo de quen o percorren.

Para calibrar o estado deste paciente patrimonial, a Xunta sufragou un recoñecemento completo. O primeiro en 14 anos. O diagnóstico non é bo. Implora unha operación urxente que vai máis aló do lifting. Esixe un baipás para saír do estado comatoso no que se atopan seis zonas cualificadas de críticas, así como outras actuacións na súa contorna. O posoperatorio tampouco será fácil. Ademais do sentidiño de quen o percorran nun futuro, haberá que regular o fluxo de visitantes, delimitar os diferentes carreiros de acceso e erradicar outras sendas oportunistas que desvirtúan o monte perimetral. A construción dun centro de interpretación é outro dos soños eternos que nunca pasou de ser un proxecto nos despachos.
Aínda así, cabe dicir que non son só malas noticias as que viran ao redor deste xacemento sonense. A recente aprobación dun plan especial específico para o recinto despois de 16 anos por parte da corporación municipal de Porto do Son contempla todas estas actuacións, sendo, segundo os expertos, un fito que suporá o «quilómetro cero» para empezar a falar dunha nova e mellor vida para o castro.

Aquí xoga un papel importante o Goberno galego. Concretamente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que a través dun portavoz garantía fai máis dunha semana o investimento dun millón de euros para a construción do centro de interpretación, «sempre que o Concello de Porto do Son aprobe o plan especial e defina a responsabilidade dos terreos». Circunstancias, ambas, que xa foron aceptadas na sesión plenaria do 26 de novembro, polo que agora, e segundo consta por escrito, só resta esperar a que todo isto vaia máis aló do papel.

O que está claro é que as dúas administracións que deben e velar polo castro de Baroña teñen a vontade de facelo -aínda que sexa despois de moito tempo-, e máis agora, que o último escollo burocrático está salvado.


No hay comentarios: