25/5/10

Os xirasois de Vicente Van Gogh


Doce xirasois nun floreiro
Vincent Van Gogh

1888 . Bayerisches Nationalmuseum (Munich), 91 x 72 cm. Óleo sobre lenzo

Hai uns días atrás puiden coñecer a Escola Unitaria de Vide nas Neves. Ademais, xunto cunhas amigas, fomos agasallados cunha actuación das Pandareteiras de Vide: ESPECTACULAR. Se xa tiña admiración polo traballo da súa mestra, Sabela, fiquei impresionado pola fermosura do lugar, o traballos dos rapaces e das rapaces e da profesionalidade da amiga. Todos os anos sementan pipas para ver como medran os xirasois de Van Vangoh. Tratarei, pois, de contarlle a estes nenos e nenas algo máis destes xirasois.

O noso amigo Vicente (mellor lle chamaremos así e non Vicente, vale?) que como sabedes non vendía ningún cadro, tiña moita ilusión por ter un lugar con moita luz e sol onde traballar con outros artistas. Mais non tiña moitos amigos e só un pintor, que logo sería moi famoso, Paúl Gauguin consentiu en desprazarse ata Arles, no sur da Francia, para traballar en comunidade co noso Vicente. E dígovos que “consentiu” porque tan só foi ata alá cando o irmán de Vicente, Teo deulle unha boa cantidade de cartos. Este Paúl, ten fama de mintireiro e interesado, mesmo é propable que fora el que lle cortou a orella ao noso amigo Vicente.

A casa onde ían vivir era amarela e Vicente coñecía que a Paúl encantábanlle os xiraois (eu teño unha amiga, que tan estivo na vosa escola á que lle encantan as papoulas). Deste xeito, e para que foran un agasallo, Vicente comezou pintar os xirasois. Pintou tres cadros semellantes con quince xirasois nun floreiro, dous cunha ducia de xirasois. Hoxe están todos en museos moi importantes. Case todos os pintou en agosto de 1888 e teñen un tamaño moi pequeno, de 93 x 72 centímetros.

Nos anos nos que o noso amigo Vicente pinta, as cousas non teñen xa unha cor determinada senon que, din os artistas, dependen da cantidade de luz que reciban. Neste caso Van Gogh emprega moito o amarelo, os laranxas, ocres e marróns pero tamén, fixádevos, usa o verde e o azul nas contornas buscando un contraste lumínico. Pinta sobre a tea cunhas pinceladas fortes, case agresivas (hai quen cre que as formas das súas pinceladas dependían do seu estado de ánimo), en pequenos toques.

Fixádevos agora no floreiro. Veredes que ten a súa forma delimitada por unha liña escura. Mais esa liña en realidade non existía no floreiro. Por que a pintaría? Uns anos antes que o noso amigo Vicente marchara para Francia, outros pintores e pintoras (había unha artistas extraordinarias) decatáronse que en toda a historia da pintura sempre se marcan as formas dos obxectos ou das persoas con liñas que, en realidade, non existían e, polo tanto, decidiron non pintalas. Este pintores foron os Impresionistas. Pero logo, algúns dos seus continuadores, os Post-impresionistas, decidiron remarcar moito as formas e as cores. Este é o caso de Cézanne ou do noso amigo Vicente.

Hai vinte anos, un cadro moi semellante a este foi vendido, a unha aseguradora xaponesa, por 30 millóns de euros. Naquel momento foi o cadro máis caro de toda a historia. Fixádevos o que lle pasou a Vicente: na súa vida só vendeu un cadro e, agora que está morto, as súas obras teñen un prezos altísimos.

E para rematar deixovos un vídeo que xa puxera hai algún tempo, agardando que atopedes as nosas flores preferidas
.



Saúdos artísticos

3 comentarios:

Loly dijo...

Marabilloso xeito de comeza la xornada... Papoulas, Van Gogh -un dos meus favoritos- e a lembranza dun fermoso día en Vide.
A miña pequena contribución é esta Canción adicada a Van Gogh
Bicos emocionados!!

Anónimo dijo...

Que ben te explicas... eu quero que sexas o meu profesor de arte. ¿Que che parece se preparas unha excursión a un destes lugares cercanos que non coñecemos e nos serves de anfitrión?

Antonio Martínez dijo...

A mandar, benquerida Marina.