3/5/09

Vivenda unifamiliar en santa Cristina de Cobres (VIII)

Hai tempo que non informaba da marcha da " nosa" vivenda en santa Cristina de Cobres do arquitecto Alfonso Fernández. Vealquí un texto introdutorio preparado polo propio arquitecto e unhas fotos de hai unhas semanas.

"Nas últimas entregas vimos como unha vez alcanzado o terreo coa suficiente resistencia, este regularizábase cunha capa de pouca resistencia e espesor (10 cm) de formigón (formigón de limpeza), para poder transmitir uniformemente as cargas do edificio. Despois con táboas, taboleiros ou contra o terreo, fomos construíndo recipientes coa forma da cimentación, esta fase chámase encofrado, para colocar dentro a armadura (aceiro) e verter o formigón (aceiro formigón= formigón armado), sempre segundo os planos de obra que responden a un cálculo de diámetros, lonxitudes, espesores, alturas, disposición e resistencias.

Na cimentación viamos as zapatas, que é unha punta roma para que se non se finque no terreo dos alicerces e muros.

A armadura prepárase en taller polos ferrallistas, trasládase a obra en camións e colócase en obra polos operarios. O formigón fabrícase sempre en centrais e trasládase a obra en formigoneiras. O tempo entre o seu amasado e a súa vertedura é limitado polo que é necesario ter ben programada a fase de formigonado. En obra vértese cunha bomba, con cubiletes desde guindastre ou con carretillas.

Sempre para poder enlazar unha fase de formigonado coa seguinte, deixamos parte da armadura máis longa para que se poidan solapar (armadura de espera). Para evitar accidentes protéxense as barras cuns tapóns na punta (neste caso ven de cor vermella).

Acabada a fase de cimentación, prepáranse os alicerces, os muros de carga e os muros de soto ou contención (que nos permitirán albergar parte do edificio por baixo da cota do terreo, é dicir soterrado). Colócanse armaduras, as dos muros son grellas, se empalman ás de espera, se encofran e de novo se formigona.

Agora, unha vez comezado o fraguado, fase de endurecemento do formigón, retírase o encofrado (desencofrado), quedándonos vistos alicerces e muros, permitíndonos impermeabilizar e illar a cara da estrutura que vai estar en contacto co terreo para desta forma evitar filtracións de auga ao interior e fugas de calor ao terreo.

Cando a base do edificio está executada e preparada para recibir o terreo podemos restituír o perfil orixinal, introducindo se son necesarias as modificacións que nos favorezan.

Quedará a obra preparada para empezar a montar os forxados como veremos máis adiante. "

3 comentarios:

Marina dijo...

xa pensaba eu que a casa estaba rematada, a verdade que así non parece o que logo acadan... estou impaciente por ver como queda. ¿Ti que cres que nos invitarán ó albaroque aínda que só sexa polo seguimento feito?. A ti si está claro, e eu apúntome a visitala (si se pode) cando a rematen.

Antonio Martínez dijo...

Seguro que Alfonso estará encantado de facer unha visita guiada para os/as seguidores/as de Iniciarte.

alfonso dijo...

Por supuesto que estaré encantado