10/4/09

A Fundación Barrié exporá 300 obras do deseñador George Nelson

O arquitecto norteamericano está considerado como un dos personaxes máis influentes no estilo de medidados do século XX.
Algunhas das obras máis emblemáticas e representativas do deseño estadounidense do século XX chegarán á cidade para formar parte dunha exposición dedicada ao arquitecto George Nelson, que servirá para conmemorar o centenario do seu nacemento e que acollerá a Fundación Barrié.

A exposición, que se inaugurará o día 25 de xuño e que poderá visitarse ata o 27 de setembro, mostrará por primeira vez en España as creacións do deseñador, cualificado por algúns críticos de arte como un dos personaxes que mellor encarnan as transformacións xurdidas en Estados Unidos tras a II Guerra Mundial.

Nelson aplicou os parámetros do deseño moderno ao interior das vivendas mediante a creación de cadeiras de brazos, lámpadas, mesas e armarios. As 300 pezas que poderán admirar os visitantes da exposición que organiza a Fundación Barrié servirán para repasar a evolución dun artista que, ademais de exercer como deseñador e arquitecto, alcanzou unha gran notoriedade como xornalista e mestre.

Pezas tan coñecidas internacionalmente como a Coconut Chair -cadeira coco- e o Marshmallow sofa -que recorda nas súas formas ao algodón de azucre- formarán parte dunha exposición que incluirá, ademais das obras, numerosos paneis informativos sobre a biografía do autor e sobre as características do seu novo estilo.

As obras que se mostrarán na exposición estarán agrupadas en cinco áreas, cada unha das cales incluirá os traballos de Nelson nas súas distintas facetas.

Os obxectos decorativos para as vivendas, os anuncios corporativos da fábrica de mobles para a que traballou, as pezas destinadas a mellorar o aspecto dos despachos, os documentos das exposicións organizadas polo autor e os testemuños escritos e audiovisuais sobre a vida do deseñador son os grandes grupos que conformarán a exposición.

Os críticos destacan que o maior atractivo do deseño de Nelson é a súa vixencia na actualidade, pois afirman que, a pesar do paso do tempo, as súas creacións de mediados de século seguen parecendo novas e, en ocasións, controvertidas.

A chegada das obras de George Nelson servirá á Fundación Barrié para proseguir unha liña expositiva dedicada ao deseño contemporáneo. O mesmo recinto no que se mostrarán as obras do creador norteamericano acolleu en anos anteriores algunhas das pezas máis representativas do deseño escandinavo ou do arquitecto Marcel Breuer.

As obras de George Nelson chegarán á cidade procedentes do prestixioso museo alemán de Vitra Design, que se encarga de organizar a exposición.

Texto e foto (Marshmallow sofa) vía La Opinión de A Coruña.

1 comentario:

Fantômas dijo...

Buen blog che! Te invito a darte una vuelta por el mío, creo que te puede llegar a interesar por las cosas que veo que posteás (y de paso si querés intercambiamos enlaces).

Mi blog, principalmente sobre música, lo podés encontrar acá:

Soy del Montón

Un abrazo.