23/12/08

Noticia do pasado 21 na Voz de Galicia:

Vía libre para que o Pazo de Meirás sexa aberto ao público
A residencia estival de Franco está a piques de ser declarado Ben de Interese Cultural.

O Pazo de Meirás, residencia estival de Franco, está a piques de ser declarado Ben de Interese Cultural, o que suporá a súa apertura ao público, despois de que sexan desestimadas as alegacións en contra desta pretensión do Goberno galego.
A Consellería de Cultura da Xunta informou hoxe de que o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a este edificio singular que foi propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán e «doada» ao ditador continúa a súa tramitación, xa que todas as alegacións foron desestimadas.
A proposta de que o pazo sexa declarado BIC, que suporía a súa apertura ao goce público uns días á semana, conta coa aprobación de tres organismos consultivos do Goberno galego: a Universidade de Santiago, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia de Belas Artes.
Segundo a Consellería de Cultura, o decreto para que o Pazo de Meirás sexa declarado Ben de Interese Cultural podería ser aprobado polo Consello da Xunta a finais de ano ou a principios de 2009.
O director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Felipe Arias, asinou a resposta ás 105 alegacións presentadas á declaración de BIC do pazo, ningunha das cales foi estimada como procedente.
Foran presentadas pola propietaria do pazo, a filla de Franco, Carmen , e veciños afectados polo contorno de protección estipulado. Os servizos técnicos da Consellería de Cultura están en proceso de remitir as respostas a quen alegaron a decisión da Consellería de Cultura.
Tras desestimar as alegacións e, unha vez que a proposta conta co beneplácito dos organismos aos que Cultura consultou, o procedemento para outorgar ao Pazo de Meirás o máximo grao de protección patrimonial afronta a parte final do seu curso.
O último paso será a súa aprobación polo Consello da Xunta do decreto que dará ás torres de Meirás a categoría de sitio histórico.
Ademais de desestimar os argumentos de veciños que alegaron o contorno de protección fixada para o pazo, rexeitouse unha de Carmen Franco Polo que puña en cuestión a relevancia das torres de Meirás en relación con outros edificios similares.
Na resposta da Xunta destácase que a construción é unha das edificacións máis singulares de toda a arquitectura civil de Galicia no século XIX.
O 1 de agosto deste ano, Cultura abriu expediente de declaración de BIC, que implica que o edificio debe abrirse ao público catro días ao mes; que calquera intervención nel precisaría dunha autorización previa por parte de Patrimonio e que obriga aos seus propietarios a coidar e preservar o inmoble.
O pazo de Meirás, no concello coruñés de Sada, foi no seu día propiedade de Emilia Pardo Bazán, aínda que en 1939 un grupo de franquistas promoveu a súa compra aos seus herdeiros e obtivo entre os veciños máis terreos contiguos para ofrecerllo como «agasallo do pobo» a Franco, que desde entón veraneou alí en agosto.

No hay comentarios: