12/12/08

A escultura na catedral de Santiago: A Fachada de Praterías (II), tímpanos e friso

Na desaparecida Porta Norte ou do Paraíso podería verse no século XII a Cristo no centro no trono bendicindo e cun libro, ao ó seu redor están os catro evanxelistas., á dereita está o Paraíso con cristo, Adán e Eva e á esquerda Cristo votando do paraíso a Adán e Eva; tamén había moitas figuras de santos, bestas, homes, anxos, mulleres, flores. Sería o dualismo redención-pecado.

Na fachada sur ou de Praterías estivo dedicada a Cristo e a súa dobre natureza, léndose de dereita a esquerda.

O Tímpano dereito ten na parte superior unha representación da Epifanía e na inferior varias escenas da Paixón (coroazón, flaxelación, traizón de Xudas) e a Cristo curando a un cego. Con este tímpano exprésase a dobre natureza de Xesús. A Paixón, e os seus actos, alude a súa condición humana e á súa dor como redentor. Pola Epifanía quérese significar, en troques, a súa divindade. A escena da curación do cego sinala que é o fillo de Deus. De feito nos evanxeos de san Xoán (9, 355-38) pódese ler:

Xesús enterouse de que o botaran fóra e, atopándose con el, díxolle: “Ti cres no Fillo do home?”. El respondeu: “E quen, Señor, para que crea nel?”. Xesús lle dixo: ”Víchelo: quen está falando contigo, ese é”. El entón dixo: “Creo, Señor”. E postrouse ante el.”

O Tímpano esquerdo, realizado a base de placas recortadas e posteriormente encastradas alí, representa e as tentacións de Xesús e unha imaxe de Eva cunha caveira no colo. Con esta representación quérese significar a vitoria de Cristo sobre o pecado (pola representación da superación das tentacións) e a morte (imaxe de Eva que leva a morte no seu colo). Mais segundo o Códice Calixtino esta figura representa a adúltera “coa cabeza putrefacta do seu amante no seu colo”.


Os dous tímpanos están unidos polo friso que hai sobre as portas no que figuraban Cristo acompañado polos apóstolos e santos dispostos baixo arquearías. Destaca o “Beau Dieu” datable cara o 1200. A característica fundamental deste friso é a desorde xa que foron introducidas nel varias pezas procedentes de diversos lugares da catedral e en distintos momentos. De feito parece ser que o Santiago entre cipreses, o Moisés, o Abraham procederían da non realizada fachada occidental.

Ao pouco tempo de ser rematada esta fachada vai sufrir fortes remodelacións. A primeira debido ao incendio da catedral en 1117. Ao derrubarse a fachada de Acibachería ou do Paraíso no século XVIII varias das súas esculturas foron trasladas á porta sur como o Pantocrátor que presidía o friso, a Creación de Adán, a Reprensión de Eva, O sacrificio de Isaac e o David que alude ao Señor como vencedor do mal. Ademais de algunhas figuras alusivas ó pecado como a serea e o centauro; unha muller que leva no colo a un cachorro de león, alusión ó león de Xudá e tamén alude a Cristo triunfante; figura humana cun galo e serpe que significa a Cristo como vencedor do mal, xa que estes dous animais xuntos son a a imaxe do basilisco.

Mesmo a finais do século XIX foron colocadas seis figuriñas á dereita do“Beau Dieu” procedentes do coro pétreo do Mestre Mateo.


Bibliografía
José Manuel García Iglesias.”La Edad Media”. En Historia del Arte Gallego. 1982, Alambra.
Dolores Vila Jato. Catedral de Santiago de Compostela. 2000, Everest

No hay comentarios: