2/12/08

A catedral antes da catedral: as orixes de compostela


Segundo conta a tradición, no ano 816, aproximadamente, un frade chamado Pelaio ou Paio quedou cegado por unhas luces nun campo (o "campus stellae") que lle guiaron ata unha paraxe deshabitada, entre os ríos Tambre e Ulla, onde descubriu un sepulcro de mármore que contiña os restos de Santiago o Maior. O achado da tumba do apóstolo que, segundo a tradición, evanxelizou Hispania antes de morrer degolado en Xerusalén, estendeuse rapidamente por todo o reino asturiano, co apoio incondicional do rei Afonso II o Casto e do bispo de Iria Flavia, Teodomiro. O propio monarca acudiu ao lugar do descubrimento e mandou construír unha pequena capela, Antealtares, sobre a cella levantada polos discípulos do apóstolo -Anastasio e Teodoro- baixo a actual ábsida do templo, dando orixe a unha cidade á que chamaron, na súa honra, Santiago de Compostela.

A antiga diocese de Iria Flavia (Padrón, A Coruña) debeu contar cunha importante comunidade cristiá desde antigo pois, xunto á igrexa parroquial conservouse o legado de 28 dos seus bispos. Un deles, Teodomiro, compartiu a sede episcopal con Santiago, pouco logo de producirse o achado, e foi enterrado alí o 20 de outubro de 847.

Co respaldo dos bispos e da monarquía asturiana, o papa León III (o mesmo que coroou emperador a Carlomagno en Aquisgrán no ano 800), avalou o descubrimento do sepulcro na epístola "Noscat Vestra Fraternitas".

Ente o valor que se outorgaba na Idade Media ás reliquias, o afán repoboador e o desexo de contar cunha forte diocese no seu territorio (a diocese primada de Toledo estaba en territorio musulmán), Afonso III e o bispo Sisnando ampliaron a humilde igrexa construída polo rei Casto, respectando a construción anterior como cabeceira e engadindo tres grandes naves. A obra concluíse a finais do século IX, foi consagrada en 899, asistindo o propio rei, os seus fillos e probablemente a súa dona, ademais de nobres, bispos e outras autoridades. A pesares de contar con escasas testemuñas escritas e os poucos restos arqueolóxicos, os especialistas afirman que era unha basílica de tamaño excepcional, de inusuais proporcións e unha destacadísima riqueza ornamental, mesmo con mármores traídos desde Coria. Esta igrexa foi saqueada por Almanzor no ano 997.

Recostrución hipotética do interior da basílica de Afonso III.

O rei Bermudo de León ordenou reconstruír a basílica e, de novo, foi consagrada en 1003, pero esta vez, prevendo novos ataques, neste caso non dos árabes senón dos saxóns e normandos, o bispo Cresconio rodeou o templo de murallas para resgardar a entón concatedral e protexer á cidade e aos peregrinos.

Bibliografía:

Fernando Aznar. O camiño da Santiago. Xerais, 1990 (versión galega do amigo Miguel Anxo Seixas). A imaxe procede da páxina 9.
Manuel Núñez. Arquitectura prerrománica. Historia da arquitectura galega. Colexio de Arquitectos de Galicia, 1978.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Non esquecerei apuntalo para contalo na próxima visita guiada por Santiago que seguro me toca pronto.. Xa levo unhas cantas e así vou incorporando recursos novos que son moi ben recibidos.
Grazas

Antonio Martínez dijo...

Pois, mañá máis, Marina.

Sarinsky dijo...

Toño muchas gracias por este post!! la verdad es que me viene "que ni pintado" para Urbanismo.

Besos Universitarios