10/9/08

San Rosendo de Celanova: unha recreación dixital

A través do blogue amigo Músicas da Ulla coñecín o vídeo que podedes ver neste post. É unha recreación do Mosteiro de san Rosendo de Celanova que forma parte dun proxecto máis amplo de Celanova virtual (visitade esta páxina, por favor) deste concello ourensán.

Nesta bisbarra a cantidade de xacementos arqueolóxicos e monumentos de interese é espectacular: o mosteiro de san Rosendo, a oratorio mozárabe de san Martiño, a torre de Vilanova dos Infantes,o xacemento castrexo de Castromao, o campamento romano de Aquis Querquennis, os túmulos e dolmens de Muíños, a calzada romana Vía XVIII cos miliarios de Portela do Home, a igrexa visigótica de santa Comba Bande, etc., etc.

O mosteiro de san Rosendo foi fundando por san Rosendo cara ao ano 938, sendo ampliado e reedificado nos século XVI, XVII e XVIII. Tras a súa exclaustración foi dedicado a cuartel, centro escolar e casa do concello. De feito tanto un IES como a casa do concello continúan nas súas dependencias.

Conxunto monacal é espectacular. Persoalmente destacaría o cenobio de san Martiño (haberá que facerlle algunha entrada) e as obras barrocas da igrexa (planta de cruz latina de tres naves e outra no curceiro, con bóveda de canón con grandes lunetos e cúpula sobre pechinas), claustro e a gran escaleira. A súa visita é obrigada.

No hay comentarios: