13/8/08

Pazo de Meiras (II): declaración de Ben de Interese Cultural (BIC)


O Diario oficial de Galicia vén de publicar unha resolución do estimado Felipe Arias pola que se inician os trámites para a declaración de Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás. Agardemos que sexa o primeiro paso para a devolución das Torres ao pobo de Sada e ao pobo galego. Velaquí unha parte do texto oficial:


"Resolución do 1 de agosto de 2008, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do inmoble denominado Torres de Meirás, tamén coñecido como Pazo de Meirás, situado no termo municipal de Sada (A Coruña).

Con data do 10 de agosto de 2007, o Concello de Sada presentou a certificación do acordo do Pleno, adoptado o 9 de agosto, polo que solicita da Consellería de Cultura e Deporte a declaración do conxunto do Pazo de Meirás como ben de interese cultural tal e como dispón a Lei 8/1995, do 30 de outubro.O inmoble denominado Torres de Meirás, tamén coñecido como Pazo de Meirás, está situado no lugar de Piñeiro, parroquia de Meirás, termo municipal de Sada (A Coruña). O inmoble e o seu predio constitúen un singular conxunto patrimonial dentro deste termo municipal, nunha zona privilexiada da coñecida como Terra das Mariñas, que destaca polo valor paisaxístico do lugar.

Historicamente está documentada neste lugar, nun predio orixinariamente propiedade da familia paterna de Emilia Pardo Bazán, a preexistencia dunha edificación pacega que foi incendiada no ano 1809 polos franceses; reconstruído polo avó de Emilia Pardo Bazán, pero quitándolle a pedra de armas da fachada, o pazo pasou a ser coñecido como Granxa de Meirás, empregada pola escritora para pasar moitas tempadas de verán. Ao parecer, tras o remate das Torres, o que quedaba daquela Granxa de Meirás foi convertido na actual Casa dos Caseiros. A edificación principal que hoxe se coñece como Pazo de Meirás foi construída entre os anos 1893 e 1907.Cando comeza a súa construción, Emilia Pardo Bazán era xa unha recoñecida escritora, relacionada ademais coa intelectualidade da época a nivel europeo, polo que as Torres de Meirás son un punto de referencia na súa vida e na súa obra. O lugar convértese desde este momento nun espazo intimamente ligado á ilustre escritora, como o seu lugar de creación e retiro favorito, onde pasaba longas tempadas, onde tiña instalada a súa biblioteca particular e onde redactou parte da súa obra, como así o reflicte nas súas producións literarias e escritos persoais.

Desde este punto de vista, o interese ou valor histórico deste lugar está motivado primeiramente como soar dun antigo pazo, representativo da fidalguía galega, e ademais pola relación da nova construción das Torres con Emilia Pardo Bazán, personaxe relevante pola súa gran transcendencia, tanto literaria como social. Tras a morte de Emilia Pardo Bazán, en maio de 1921, transmítese aos seus herdeiros.

A partir do ano 1939, a propiedade pasa a mans da familia Franco. Xa daquela fora ampliada a súa extensión mediante a adquisición doutros terreos e construcións lindeiras coa orixinal. Tras este proceso, a continuidade do seu uso no tempo e a preferencia que a familia Franco mostraba polo que entón comeza a ser denominado como Pazo de Meirás afondan no interese por evocar a arquitectura pacega e con elementos decorativos de épocas anteriores, algúns deles conservados na actualidade. Durante este período súmanse ao conxunto novas propiedades e vaise completando con pezas de valor histórico-artístico de diferentes procedencias. Esta nova etapa reforza o interese xeral deste conxunto.

A construción principal, de aspecto señorial, está constituída por tres torres cadradas ameadas desiguais en altura e con fábrica de cantaría de granito nas fachadas principais. As dúas torres frontais están unidas por un corpo máis baixo que aloxa un solemne vestíbulo, e entre as outras dúas incorpórase unha capela de estilo neorrománico. O conxunto pacego, rodeado dun extenso terreo con bosques e restos de xardín, constitúeno distintas construcións anexas ao edificio principal, ao que se lle foron engadindo elementos decorativos e etnográficos, como balaustradas e pináculos, fontes, escalinatas e réplicas de varias pezas; así como cruceiros, hórreos e brasóns, algúns dos cales gozan da declaración xenérica de bens de interese cultural.Neste sentido, é de resaltar o valor intrínseco da edificación das Torres de Meirás desde o punto de vista da súa calidade formal e das súas características de estilo. Comezadas a construír no ano 1893 representan un exemplo singular dentro da arquitectura de finais do século XIX e principios do XX, exemplifican a elección dun determinado tipo de mansión señorial, neste caso caracterizada pola inspiración historicista de tendencia medievalizante e concretamente de estilo neorrománico.

(...) Á vista do exposto, (...) RESOLVO:

Primeiro.-Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, do inmoble denominado Torres de Meirás, tamén coñecido como Pazo de Meirás, situado no lugar de Piñeiro, parroquia de Meirás, termo municipal de Sada (A Coruña).

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2008. Felipe Arias Vilas. Director xeral de Patrimonio Cultural".
Fotografía: Xuxo Lobato, vía SadamasDixital.

1 comentario:

saaritaa dijo...

¿Pero tu no estabas de vacaciones?
Ya veo que el blog es irresistible!!
Me ausento una semana y no se cuantos posts has puesto...
Pues nada a seguir disfrutando del veranito!! yo en unos dias regresaré a mi blog jeje

P.D: tu y el pazo de meiras...

Saludos!!