19/4/08

O Atlante, unha escultura de Paco Leiro en Sanxenxo




Tras un traballo de oito meses no seu obradoiro de Cambados e en plenas festas patronais de 2005, inaugurábase a obra de Francisco Leiro O Atlante na Praza do Mar de Sanxenxo. Unha obra espectacular no seu peso (20 toneladas), nas súas medidas (14 metros de longo, 4 de ancho e 4 de alto) e na súa fortaleza visual e expresiva.

A inspiración para esta obra dun dos mellores escultores galegos vivos, sen non o mellor, provén do contorno atlántico das Rías Baixas, da inmensidade oceánica e do deus, que segundo a mitoloxía grega, vivía nas profundades do mar.


A escultura está realizada en bronce, o que garante unha boa resistencia á salinidade. Trátase da representación dun gran ser, realizado en varios anacos, que permanece tombado coas mans apoiadas tras a cabeza e mirando cara arriba, cara ao sol ou ás estrelas. As xentes do lugar teñen convertido ao Atlante nun elemento máis da paisaxe urbana, nun lugar para “estar”, a xeito de cómodo poio contemporáneo, nun lugar para contemplar o mar.


Con esta obra o internacional escultor galego, fillo dun canteiro, deixa unha inesquecible pegada en Sanxenxo.


1 comentario:

Ana Bande dijo...

Antes de nada, parabéns por este espazo. Tes unha boa morea de ligazóns interesantes, é moita a xenerosidade dos que espigades o blogomillo e compartides coñecemento. Bueno, pois atopeite na procura de información desta obra que veño de ver onte. Si, Leiro e un dos grandes para min tamén. Gustei desta grande obra na que malia todo atopei outros significados. É unha representación perfecta do lecer e ociosidade que caracteriza a esta desleixada vila. Unha grande peza de arte para esquecer o horrorismo (feísmo quédaseme curto) que arrodea á outrora fermosa praia do Silgar. Unha desas vilas que xa non ten outra solución que tirar con todo para deixar respirar á natureza. Abafante ese paseo que cheira a unha insoportable mestura de perfumes carísimos e na que os non veciños baixan polo pan co traxe de executivo. Abafante tamén ese edificio comercial para o lecer dos que ateigan o que queda de ría cos seus megaiates. Dentro de pouco xa imos a Bueu patinando. Bueno, perdoa o rollo e repito, parabéns.