30/1/08

O Modernismo arquitectónico coruñés

“Baixo o térmo xenérico de Modernismo, desígnanse as correntes artísticas que, no derradeiro decenio do XIX e o primeiro do XX, propóñense interpretar, afianzar e secundar o esforzo progresivo, económico-tecnolóxico, da civilización industrial" (Giulio Carlo Argán)

Na cidade da Coruña, os anos de principios do século XX serán os da opulencia arquitectónica burguesa , os anos en que a burguesía dotarase dun marco propio de residencia, amosando a súa prosperidade. “Trátase dun cliente singular que quere ver reflectida a súa singularidade na súa propia casa, na fachada da súa vivenda” (MARTÍNEZ-CASABELLA) Para iso os novos arquitectos que traballan na cidade (Antonio de Mesa, Pedro Mariño, Julio Galán, Leoncio Bescansa, Ricardo Boán ou Antonio López) empregarán o novo estilo que percorría Europa, o Modernismo, dándolle unha nova interpretación ás galerías (permitida polas mellores técnicas constructivas: ferro forxado e logo cemento armado), empregando a natureza como referencia ornamental, ademais da iconografía fiminina.


Deste xeito, e durante pouco máis de dez anos, entre 1905 e 1915, a riqueza decorativa do modernismo, producirá magníficos exemplos dunha nova estética no Ensanche coruñés.

Mais este novo estilo tamén será disfrutado por unha grande parte da poboación o construírse con el determinados edificios públicos como quioscos e as súas características decorativas inundarán farmacias, ultramarinos, cafés, etc.



A palabra modernismo introdúcese no vocabulario local en 1906 para referirse a decoración teatral deseñada por R. Boán e A. López. Estes dous arquitectos, xunto con J. Galán “introducirán na cidade, inda que tardiamente en relación co contexto internacional, un modernismo epidérmico e aparencial de gusto vienés que terá na arquitectura doméstica as súas melloras realizacións. Tiveron estes a virtude de adaptar e reinterpretar ás novas esixencias de decoro urbano a tradición arquirtectónica local da galería de madeira e cristal, creando caprichosas, atrevidas e inventivas formas liberadas da simplificación funcional e utilitarista do século XIX que popularizou Juan de Ciórraga.” (Fernández Fernández)


“Son os anos nos que as austeras e esencialmente constructivas galerías de madeira se cobren de suxerentes formas vexetais na obra de Ricardo Boán, namentras que Julio Galán incorpora o ferro forxado como simbólico soporte de pel acristalada e Antonio López Hernández busca o ritmo ascendente no despece vertical dos módulos de fiestras e bastidores: as fachadas modernistas xa non son máis un pano ó que asoman os diferentes pisos e neles tres ou catro ocos que penetran o muro testeito, senón un conxunto plástico unitario no que a fiestra, a porta, o balcón, a propia galería de madeira e ata as cornisas do piso superior perden a súa individualidade e intégranse formando parte dun discurso unitario que rompe na súa mensaxe cos elementos compositivos e decorativos tradicionais, nunha liberación completa fronte as formas do pasado.



As portas son deseñadas incorporando tamén ás tallas de madeira motivos ornamentais vexetais ou xeométricos ata entón non utilizados, nas fachadas empregaranse diferentes materiais (pedra, ladrillo, vidro, cerámica), incorpóranse diferentes cores, o ferro retórcese nas reixas dos balcóns e nas barandillas das escaleiras, e a iconografía fiminina, ou as cabezas de animais dispóñense nas fachadas compoñendo conxuntos de excepcional riqueza nos recursos utilizados”. (MARTÍNEZ-CASABELLA)


Bibliografía básica:
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé. O arquitecto Pedro Mariño Ortega. 1865-1931. Galaxia, 1996.
González Cebrián., Esteban. A Coruña. Guía de arquitectura. COAG, 1998
MARTÍNEZ, X.L. e CASABELLA, X. Catálogo. A Coruña, 1890-1940. COAG, 1989.

1 comentario:

Sarinsky dijo...

Pues tenias razón,el Pavillón Real de Brighton es alucinante,me gusta el contraste de sus elementos formales y estéticos.