22/1/08

A Casa Rey: o modernismo coruñés

Situada nun lugar inmellorable (inicio da avenida de Montoto-praza de María Pita), este edificio amosa todas as peculiaridades do Modernismo coruñés e unha das melloras obras na cidade de Julio Galán, antes de marchar a Oviedo en 1991.

En marzo de 1911, ano no que renuncia ao seu posto de arquitecto da deputación provincial coruñesa para aceptar o posto de arquitecto municipal da capital asturiana, Julio Galán asina o proxecto desta edificación.

Nunha esquina da mazá que amosa todo o poderío visual das galerías coruñesas, a Casa Rey reinterpreta o tratamento das propias galerías ao darlle un sentido horizontal fronte ao predominante vertical de toda a avenida. Ao mesmo tempo constrúe unha tripla fachada na que fai un deseño unitario do despece en altura, fronte á monótona sucesión tradicional de andares, marcando claramente o baixo e a primeira altura (que neste caso non sería o piso”principal” senón destinados a uso comercial) os andares superiores, e a última altura coa súa impactante cornixa.

No primeiro andar destacan os seus balcóns corridos con balaústres de fábrica e ferro.
Será precisamente o tratamento do ferro (axudado na cidade pola fundición Wonenburger) xunto a unión doutras artes menores (ebanistería, vidreira) á arquitectura, unha das características deste arquitecto e do modernismo coruñés. Este balcón está soportado por ménsulas-cabezas de muller. Nos catro andares seguintes destaca a galería e a calidade do seu tratamento decorativo, pois está rematada en arcos de ferradura e unha cornixa que fan culminar a edificación dun xeito espléndido. Tamén é salientable o tratamento do ferro para enmarcar os paramentos de madeira e vidro. O ático tivo que ser reformado para igualarse a outros edificios da praza de María Pita. Finalmente, o acceso á vivenda é toda unha mostra do decorativismo modernista e da opulencia burguesa. Cada unha das cinco plantas correspóndese a unha vivenda, organizadas a partir dun corredor paralelo á medianeira e que da acceso a todas as dependencias.



Esta obra de Julio Galán y Carbajal é unha das melloras mostras da arquitectura coruñesa nos primeiros anos do século XX.

Bibliografía básica:
Esteban Fernández Cobián. A Coruña. Guía de arquitectura. 1998, COAG.
Xosé L. Martínez e Xan Casabella. Catálogo. A Coruña, 1890-1940. 1989 COAG.
X. Antonio Martínez. A Coruña. 1997, Mediterráneo.


BubbleShare: Share photos - Lead Free Toys

1 comentario:

saaritaa dijo...

Mi madre me descuido un momento y ya has metido 3 entradas más!!(que Crack)
Por cierto el edificio que tiene los angelotes me da escalofríos,sobre todo por esas cabezas que se ilumian por la noche y te miran con mala cara...uy uy uy...